Activage lanza segunda convocatoria para seguir avanzando no envellecemento activo

venres, 10 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Activage, o proxecto co-impulsado en Galicia por Televés para garantir a calidade de vida, o benestar e a independencia da terceira idade, colleu hoxe novos impulsos: impulsos transfronteirizos. E de que maneira? Pois co lanzamento da segunda convocatoria aberta do proxecto, poñendo a disposición das cidades e autonomías da Unión Europea ou países asociados a oportunidade de sumarse á comunidade: unha fronte de traballo comandada aquí por Televés e que aposta directamente pola Internet das Cousas como o mellor xeito de garantir fogares seguros, conectados, accesíbeis e comunicados para a xente maior.
Segundo informa Televés, as entidades que queiran sumarse á fronte común de Activage poden facelo até o 21 de xuño. Inscribíndose no proxecto engadirán novas cidades e contornas xeográficas á listaxe de enclaves onde se está a despregar Activage, “contribuíndo a estender os beneficios para as persoas da terceira idade”, informa a compañía, engadindo que a segunda convocatoria vén cun financiamento de 600.000 euros, a repartir entre un máximo de tres contribucións gañadoras.
A firma de Santiago tamén lembra que dende a súa posta en marcha, a principios de 2017, Activage puxo en marcha servizos para o envellecemento saudábel en noves cidades e rexións europeas, implicando unha comunidade de 4.000 usuarios. A previsión é de que este colectivo, en virtude da segunda convocatoria, medre até os 7.000 integrantes ao longo dos vindeiros meses.
Como lembraremos, na primeira convocatoria aberta o orzamento destinouse a incorporar os recursos avanzados da Internet das Cousas (tecnoloxía IoT) ás solucións xa dispoñíbeis. Como resultado, un total de 10 proxectos foron financiados entre as 85 propostas recibidas, comezando a súa actividade o pasado mes de febreiro.
Nesta segunda convocatoria aberta “o obxectivo é máis ambicioso”, explica Televés, engadindo que o desafío é abrir a comunidade a novas áreas en Europa que queiran ofrecer os servizos co distintivo “Activage” aos seus cidadáns.
A comunidade
A día de hoxe, tres dos nove sitios de despregue de Activage Project están en España, máis polo miúdo en Madrid, na Comunidade Valenciana e en Galicia. Quince entidades estatais, entre empresas industriais, grupos de investigación, PEME e institucións públicas, colaboran neste macroproxecto europeo. O espallamento en Galicia está liderado por Televés, en colaboración con Fundación Vodafone España, Cruz Vermella Española, Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Universidade Politécnica de Valencia.

PUBLICIDADE