Activada a aplicación web para controlar o acceso ao illote de Areoso

luns, 3 de xullo do 2023 S. P.

A Consellería de Medio Ambiente e a axencia autonómica AMTEGA veñen de activar a aplicación web para controlar o acceso ao illote Areoso, na ría de Arousa, coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia da orde reguladora de usos públicos e actividades permitidas no espazo natural que conforman o arquipélago dos Guidoiros, do que forma parte este illote, e a illa da Rúa (en Ribeira). Deste xeito, as persoas interesadas en visitar o devandito espazo protexido poden facer a súa reserva desde este luns 3 de xullo na ligazón areoso.xunta.gal.
O sistema deseñado pola AMTEGA para canalizar as autorizacións de visita e regular o fluxo de persoas que acceden ao illote do Areoso contou co apoio e supervisión da Vicepresidencia Segunda, que informou que “na práctica será moi similar ao que se utiliza xa desde hai varios anos no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e no Monumento Natural das Catedrais, polo que a súa eficacia e operatividade están demostradas”.
Fontes da Xunta lembraron que o departamento autonómico empezou a traballar o ano pasado no regulamento de usos e actividades permitidas no conxunto que conforman o Areoso e outra serie de illas próximas co fin de “garantir o equilibrio entre a protección dos seus valores e recursos naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos últimos anos viña rexistrando unha afluencia de visitantes crecente”.
Para asegurar o cumprimento deste obxectivo, a nova orde limita a 150 os visitantes diarios permitidos no illote arousán a través de tres quendas de visitas (do amencer ás 13,00 horas; das 13,00 horas ata as 17,00 horas; e das 17,00 horas ata o solpor).

PUBLICIDADE