Acordo galego entre os sectores do taxi e dos VTC

venres, 10 de xaneiro do 2020 Redacción

O sector do taxi e o dos VTC chegaron a un acordo a nivel galego grazas a unha canle de interlocución coa Administración que fixo posible que vese a luz a primeira Lei do taxi de Galicia acordada co sector e o seu correspondente regulamento, que inclúe o distintivo de uso obrigatorio para os servizos de VTC, así como introducir, por primeira vez, a posibilidade de flexibilización de tarifas en atención a unha demanda do sector do taxi.
O marco normativo autonómico, en vigor dende o pasado 1 de xaneiro, establece en 15 minutos o tempo mínimo de precontratación para o arrendamento de vehículos de turismo con condutor (VTC), o que consegue certa diversificación entre taxis e VTC, evitando unha competencia directa que estaba a estrangular ao sector do taxi.
Amais, durante a presentación do acordo entre estes colectivos en Vigo, o presidente da Xunta anunciou que antes de rematar o mes abrirase unha convocatoria de axudas para a adquisición de taxis eléctricos e híbridos.

PUBLICIDADE