Achegan a prensa mundial ó iPhone

martes, 24 de xullo do 2007 Marcus Fernández

As novas do Washington Post vistan nun iPhone

A comercialización do iPhone nos EE.UU. xunto con plans de datos de telefonía móbil (que mesmo permiten a navegación sen límites) está a dar lugar a novos negocios, xa que os contidos que antes se limitaban ó PC poden voar agora ata o móbil de xeito atractivo (e non limitado por unha pantalla de reducidísimo tamaño) como o novo servizo de NewspaperDirect, que dende a súa web PressDisplay.com dende a que ofrece 500 xornais de 70 países en 37 linguas xa permite só a consulta dos xornais do seu catálogo no ordenador, contando cunha interface para o iPhone, o que agradecerán os interesados en estar informados mediante este sistema que replica a aparencia en papel de xornais entre os que se inclúen os españois ABC e La Vanguardia.
Os usuarios de iPhone poderán probar de balde este servizo durante un mes, tralo que poderán pagar 2,75 dólares por exemplar de prensa, ou pagar subscricións mensuais dende 9,95 dólares para consultar a prensa mundial.
O atractivo de servizos coma PressDisplay resulta moi dubidoso, xa que as webs da meirande parte dos xornais xa inclúen os seus contidos en liña e de balde, pero existen nichos de mercado nos que interesa a consulta das edicións impresas, pois non tódolos contidos aparecen na Internet, polo que parece que o uso deste tipo de solucións nace máis de empresas e gabinetes de comunicación.

PUBLICIDADE