Absolven aos responsables de Elitedivx

xoves, 11 de novembro do 2021 Marcus Fernández

As vellas causas xudiciais contra páxinas que facilitaban as descargas a través de redes P2P parecen rematar todas do mesmo xeito: confirmando que estes espazos na web non eran ilegais até que se reformou a lexislación poder perseguilas. E precisamente agora temos un caso deste tipo, o de Elitedivx, páxina que foi obxecto dunha operación policial en 2007 que rematou nun sobresemento en 2008, para retomarse en 2009, e finalmente confirmarse agora pola Audiencia Nacional de Murcia a absolución dos tres cidadáns acusados.
No momento no que a Policía e a Garda Civil actuaron contra Elitedivx nunha macrooperación na que detiveron a 10 persoas e pecharon 21 páxinas web con ligazóns a redes P2P con películas e música que podían descargarse de balde, parecía bastante clara a desproporción das actuacións, xa que o Código Penal non recollía como delito a actividade que realizaban estas páxinas web, e baseábanse nunha interpretación da lexislación incorrecta (como quedara claro en moitas actuacións en anos anteriores), e non sería até a reforma do Código Penal de 2015 cando pasou a considerarse ilegal non só a publicación de contidos vulnerando o copyright, senón tamén facilitar o acceso aos mesmos aínda que a súa publicación fose obra de terceiros.
Actualmente unha páxina web como Elitedivx sería claramente ilegal, e incluso sería relativamente doado o seu peche, pero cando se actuou contra ela (2007) a lexislación era diferente, resultando especialmente rechamante que se tardasen tantos anos en deixar clara tal situación.

PUBLICIDADE