Ábrese o proceso de reserva do iPhone 6s en España

martes, 6 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que nos novos lanzamentos de Apple as grandes colas diante das súas tendas convertéronse practicamente nunha tradición, nos últimos anos perderon pulo por distintos motivos, entre os que destaca a posibilidade de facerse cos dispositivos a través da Internet ou, simplemente, por poder reservarse para non ter que madrugar para ser un dos primeiros en ter o novo iPhone ou iPad nas mans. Así, o vindeiro venres é de agardar que non haxa grandes colas nas tendas, xa que veñen de abrir a posibilidade de reservar os novos iPhone nas Apple Store españolas, para que os máis impacientes poidan garantir que terán o iPhone 6s o primeiro día, sendo poucas as tendas que ofrecen xa tal posibilidade para o iPhone 6s Plus.
O proceso de reservas tamén serve para confirmar os prezos dos novos teléfonos, que serán de 749, 859 e 969 euros para o iPhone 6s de 16, 64 e 128 GB respectivamente e de 859, 969 e 1.079 euros para o iPhone 6s Plus de 16, 64 e 128 GB, de xeito que sería a primeira vez que un iPhone supera a barreira do milleiro de euros no seu lanzamento.

PUBLICIDADE