Ábrese o prazo do campionato de modelado móbil en 3D da USC
martes, 13 de xaneiro do 2015
Se
somos apaixonados da tecnoloxía 3D e do móbil estamos de
celebración, pois o grupo de investigación USCAN3D
da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de abrir o prazo
de inscrición para a segunda
edición do campionato internacional de modelado 3D de precisión con
teléfono móbil D3Mobile
Metrology World League 2015. O
certame, encamiñado a escolares de centros educativos de todo o
mundo, é unha idea pioneira que pretende potenciar
as vocacións científicas a través dun elemento de uso tan cotián
entre os máis novos como é o teléfono móbil.
Ficará aberto até
o vindeiro 5 de marzo de 2015, tal e como se establecen nas bases do
mesmo, que unha vez máis volve contar co patrocinio e a colaboración
de diversas entidades públicas e privadas: a Fundación Española
para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), o Ministerio de Economía e
Competencia, o Centro Español de Metroloxía (CEM)
e o Centro Nacional de Información Xeográfica (CNIG), amais da
Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, a Fundación Vodafone España
e Educabarrie (da Fundación Barrié).
O profesor
da USC e director do proxecto, Juan Ortiz, explica que as razóns que
motivaron e impulsaron a creación e posta en marcha deste proxecto
atópanse no feito de que os modelos 3D de precisión
empréganse decote en eidos tan achegados á cultura xuvenil como o:
cinema, o fútbol, a Fórmula-1, a moda ou os videoxogos.
E indo ao
miolo do certame, os participantes deberán organizarse en grupos de
2-4 persoas e buscar o apoio dun docente. Aprenderán a elaborar
modelos tridimensionais cos seus terminais móbiles, no seu propio
computador e cun software fotogramétrico libre. A competición, que
se desenvolverá completamente en liña a través da rede, consistirá
en coñecer que equipo é quen de medir e modelar obxectos en 3D coa
maior calidade métrica e visual, premiándose os mellores traballos.
“O obxectivo último é inculcar nos máis novos os conceptos de
experimento e método científico, así como a importancia na toma de
decisións a partir da análise dos resultados dun proceso
experimental, ademais de espertar a vocación pola cultura científica
a través dun instrumento tan preciso e familiar para
eles como é o seu teléfono móbil”, sinala Juan Ortiz.
Desta volta
a D3Mobile Metrology World League 2015, conta con varias novidades,
como o son as dúas categorías nas que poderán participar as
persoas inscritas no certame. Daquela, esta edición presenta a
categoría D3Mobile Art, orientada a entusiastas do modelado 3D que
non queiran preocuparse da calidade métrica, e D3Mobile Ano da
Biotecnoloxía en España, pensada para difundir a
biotecnoloxía entre os estudantes preuniversitarios deste país.
Como
xa apuntamos,
o período de inscrición permanecerá aberto até o 5 de marzo.
Deica o mes de abril irán desenvolvéndose as probas, e durante o
mes de maio poderanse votar os traballos presentados, un proceso de
participación que tamén se desenvolverá en liña a través da
páxina web, onde tamén se
pode atopar cumprida información sobre este campionato mundial de
modelado 3D de precisión con teléfono móbil. En xuño daranse a
coñecer os resultados.