Ábrese ás votacións dos internautas a web de Fotciencia, o certame de fotografía científica

luns, 17 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

Se a ciencia e todo o que rodea á investigación non che acaban de entrar de palabra, ben che poden entrar polo ollo. Este, con maiores ou menores diferenzas, é o alicerce da segunda edición do certame Fotciencia convocado pola Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Este concurso, como o seu propio nome ben indica, consiste en procurar a mellor fotografía vinculada á investigación das que se teñan xerado ó longo de 2007. O obxectivo, como dixemos ó principio deste texto, non é outro que tentar rebaixar no posible a distancia entre dous mundos máis afastados do que sería desexable para as ditas institucións, malia que estes dous mundos compartan ás veces lingua, teito e escenario. Falamos da distancia que separa a vida, o traballo e os froitos da comunidade científica española da vida, o traballo e os froitos do resto dos cidadáns.
Un dos puntos máis interesantes do concurso, que se pode seguir de preto na web de Fotciencia, é que se anima ós internautas a votar polas súas imaxes favoritas. O prazo de presentación de traballos ábrese hoxe luns 17 e remata o vindeiro 26 de outubro. Pode participar calquera persoa maior de idade que presente imaxes propias e que traten directa ou indirectamente sobre as temáticas científicas ou tecnolóxicas. Só se admitirán fotografías en formato dixital e deberán ir acompañadas dun texto explicativo. O primeiro premio inclúe unha dotación de 2.400 euros e o segundo de 1.200. Tamén haberá a maiores un Premio Especial sobre enerxías renovables de 1.200 euros. O fallo do concurso e da votación popular faranse públicos o vindeiro 10 de decembro.

PUBLICIDADE