Ábrese á participación colectiva o blog da xuntanza Pobre Mundo Rico

luns, 23 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

A Rede pode ser hoxe unha rúa ampla para mobilizarse. Unha praza na que bater forte contra a inxustiza presente en todos os niveis da sociedade e sen excepción. Este é o espírito que semella alumear o blog galego Pobre mundo rico, posto en marcha polo Club Internacional de Prensa co fin de dar a coñecer o Simposio Internacional sobre Pobreza e Desigualdade no Mundo do mesmo nome que se desenvolverá ó longo dos meses de outubro e novembro en diferentes cidades de Galiza. O blog, que coma o Simposio en si mesmo está aberto á comunidade internacional de fala lusófona e hispana, vai dirixido tamén “a promover a implicación social a través das opinións, propostas e demais achegas que dende calquera país do mundo se queiran facer”, sinala o Club Internacional de Prensa co gallo da presentación da bitácora.
Con este motivo, o de acadar un obradoiro de traballo con múltiples sedes virtuais, o CIP adoptou o formato de caderno colectivo, aberto á participación de organizacións, colectivos ou persoas a título individual. O Simposio está organizado polo Club Internacional de Prensa –pertencente á Secretaría Xeral de Comunicación-, e conta coa colaboración de Caixanova a través da súa Obra Social.
Participan tamén outras entidades, como a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, e as Universidades galegas de Santiago de Compostela e Vigo.

PUBLICIDADE