Ábrese a convocatoria do segundo programa de aceleración Conector Galicia

martes, 8 de maio do 2018 Redacción

Conector Startup Accelerator, a aceleradora especializada en startups en fase semente, lanza o seu segundo programa de aceleración horizontal non corporativo en Galicia coa intención de dar apoio a startups dixitais localizadas nas provincias do noroeste do país. Esta iniciativa conecta novas compañías coas principais industrias e corporacións galegas, e o mellor talento e potencial investidor galego do ecosistema internacional.
Gal#2 está focalizado en startups tecnolóxicas en fase semente cuxos emprendedores queiran liderar a transformación dixital. Entre outros, búscanse proxectos innovadores en comercio electrónico, retail e mobilidade que usen tecnoloxías como IoT, big data, blockchain ou realidade virtual e que teñan un prototipo no mercado, un equipo formado e potencial de crecemento e internacionalización.
Os emprendedores interesados teñen tempo ata o 18 de xuño para presentar as súas candidaturas e poden facelo desde hoxe vía web. A partir de entón, os analistas de Conector Galicia preseleccionarán aos mellores proxectos para que presenten o seu startup ante os mentores de Conector en xuño no Startup Day, o evento privado onde os socios e mentores votarán e elixirán que proxectos merecen entrar no segundo programa de aceleración de Conector Galicia.
A aceleradora, que forma parte da Rede de Aceleradoras de Galicia , traballará coas startups finalistas durante 5 meses, de setembro do 2018 a xaneiro do 2019. Durante este tempo os emprendedores seleccionados contarán co asesoramento dun cadro de mentores elixido segundo as necesidades do seu proxecto, axudas en forma de partners das empresas colaboradoras coa aceleradora e sesións de formación, ademais de dispoñer de oficinas de maneira gratuíta.
Ao final da aceleración as startups terán a posibilidade de presentar o seu proxecto diante dos investidores, VC e business angels máis importantes do país no Demo Day que se celebrará en febreiro do 2019.
Actualmente a aceleradora xa conta cunha rede de 250 mentores nacionais con novas incorporacións do principal talento galego como David Alayón, head of innovation projects en Inditex; Betty Lepina, e- commerce manager en Adolfo Domínguez; Gerard Gracia, head of digital garage en Estrela Galicia; Adolfo Fernández, global program manager en Google; Luís del Pozo, CMO en Jazztel; Rubén Ferreiro, CEO en Grupo Viko e Carlos Blanco, managing partner en Encomenda VC, entre outros.
Este é o segundo programa horizontal que Conector Galicia pon en marcha en solitario. Lalo García, director de Conector Galicia e máximo responsable dos programas na rexión, ve este segundo programa como unha oportunidade para aquelas solucións que axuden a potenciar a transformación dixital. En 4 anos por Conector xa pasaron 126 startups que conseguiron máis de 50 millóns de euros de investimento, entre elas Glovo, Meller, GOI ou Jobin. A aceleradora, impulsada por algúns dos emprendedores máis destacados do ámbito tecnolóxico de España como Carlos Branco, Gerard Olivé, Marc Ros, Marc Vidal, Miguel Vicente ou Risto Mejide, ten previsto lanzar 5 programas de aceleración ao longo do 2018.

PUBLICIDADE