Abren espazo de apoio ao Faro de Hércules en MySpace

venres, 10 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A plataforma coruñesa artístico-cultural Lo+Fashion vén de abrir na rede social MySpace un espazo exclusivo para o Faro de Hércules. O sitio en liña do único faro romano da humanidade (así o dan a coñecer perante a comunidade internauta), inclúe entre outras cousas unha importante escolma de fotografías, gravados e debuxos do devandito monumento galego, presentacións históricas e técnicas do mesmo e (xa que estamos en MySpace, comunidade en liña) unha completa listaxe de contactos e amigos que apoian con vínculos e achegas diversas esta iniciativa.
O obxectivo deste espazo non é outro que pechar fileiras (“dende Xapón a América, pasando por Australia”, engaden) arredor dunha causa común: a declaración do Faro do Hércules como Patrimonio da Humanidade. Amais, diríxese a solicitar a maior cantidade de apoios posibles na Rede, tanto dende Galiza como do resto do mundo.
A proposta, como dixemos, vén da man do colectivo Lo+Fashion, que conta para esta causa –este apoio á dita candidatura- coa colaboración da Asociación Cultural e Desenvolvemento de Creadores Contemporáneos de Galicia.

PUBLICIDADE