Abre o prazo para a presentación de material en Curtas na Rede 2007, que chega con obxectivos anovados

mércores, 14 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

O certame Curtas na Rede volve con obxectivos, apoios e financiamento anovados. O Club Internacional de Prensa acolleu este mércores 14 a presentación da convocatoria 2007, que ten aberto xa –oficialmente- o prazo de presentación de curtametraxes (que ficará aberto até o 15 de setembro. Para comezar, cómpre dicir que a razón de ser do concurso segue a ser a mesma, só que se veñen de incorporar outras que complementan a orixinal.
Así, se nun principio o que pretendían a Dirección Xeral de Comunicación Social e o Consello da Xuventude era constituír un concurso en liña que fomentase a creación audiovisual a través da Rede e o uso da Rede mediante a creación, agora tamén se busca (entre outras cousas máis) afianzar os vínculos coa emigración e até fomentar mensaxes de respecto polo medio ambiente. Haberá tres premios por categorías (3) con 1.500 euros cada un, un premio do público á curtametraxe e á micromovie máis votada a través da Internet.
Tamén se premiarán as mellores interpretacións feminina e masculina. A previsión é de que este ano se chegue a duplicar (ou case) a participación da convocatoria de 2006, na que se presentaron 60 curtametraxes.
Perspectivas máis amplas
Como dixemos ó principio, medran os apoios e as perspectivas de Curtas na Rede. Por unha banda, véñense de incorporar ó proxecto (cofinanciando e botando unha man) a Secretaría Xeral de Desenvolvemento Sostible e máis a Secretaría Xeral de Emigración, de aí (precisamente) os obxectivos devanditos acabados de engadir: reforzar as ligazóns cos galegos que viven fóra de Galiza (e cos novos galegos que chegan) e estreitar a comunicación coa mocidade co fin de facerlle chegar mellor mensaxes de respecto polo medio natural. Con este fin, fixáronse para esta edición 2007 as seguintes categorías:
· Mocidade.
· Inmigración e emigración.
· Medio ambiente
· Visións novas e alleas.
Ademais, este ano engadiuse unha nova categoría de filmes gravados con teléfono móbil, que é a das micromovies, formato moi empregado hoxe en día polos mozos e que adoita a aparecer nos medios de comunicación cinguido a temas negativos. Con esta proposta, o comité organizador do certame quere quitarlle ferro a estes novos procesos de gravación, e faino a través dun concurso paralelo no que só se poderán presentar curtas dunha duración non superior ós 30 segundos, de tema libre e feitas coa cámara do móbil.
Por outra banda, cómpre sinalar que para esta convocatoria 2007 tamén se rexistrou un incremento dos apoios procedentes do eido audiovisual e do sector empresarial do lecer. Así, á concorrencia xa constatada o ano pasado da CRTVG, o Consorcio Audiovisual de Galicia e o operador R, cómpre engadir agora á da empresa compostelá Blusens.
Condicións e xurado
O concurso semella abondo flexible no que se refire ás condicións. O principal é que as obras que se presenten non duren máis de 5 minutos e que sexan inéditas e en galego, mais este último punto xa non se esixe nas categorías abertas. Os traballos achegados serán avaliados por un xurado que estará integrado por profesionais do audiovisual e da cultura en Galiza e membros das entidades organizadoras e patrocinadoras. Estes serán os encargados de seleccionar ós galardoados nas tres categorías por idades (de 15 a 22 anos, de 23 a 50 e de 51 en adiante) Cómpre dicir que non só eles contarán coa opción de votar, senón tamén os espectadores, pudendo facelo na mesma web, co fin de elixir o gañador do premio do público. Na Rede tamén se votará a mellor micromovie.

PUBLICIDADE