Abre as súas portas a nosa gran referente en tecnoloxías colaborativas: a Maker Faire Galicia

venres, 23 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Finalmente abriu as súas portas en Santiago, na Cidade da Cultura, a cuarta edición da feira Maker Faire Galicia, con toda probabilidade un dos máis salientábeis acontecementos argalleiros do ámbito estatal. A apertura do evento contou coa presenza da concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo, Marta Lois, quen mostrou o seu orgullo polo carácter compostelán e galego dunha feira de tal envergadura e prestixio. Asemade, Lois engadiu que a Maker Faire Galicia, que se celebra hoxe, mañá e pasadomañá, é un referente europeo no ámbito das xuntanzas innovadoras e colaborativas.
A concelleira tamén recordou que o programa inclúe charlas, obradoiros, demostracións de parkour, carreiras de coches DIY, probas con drons nun circuíto especificamente habilitado para a ocasión (no túnel subterráneo da Cidade da Cultura) e unha actividade chamada Hebocon que consiste nun campionato de enxeños robóticos para as familias.
Segundo fixo saber Lois os días pasados, “coma todos os anos, as charlas serán un dos pratos fortes do evento”. Amais, haberá conferencias independentes dentro do programa oficial do evento, como as coordinadas polo NOS Day, ou o grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech, coas que se fomenta a colaboración entre as diferentes comunidades tecnólogas de Galicia.
Para esta cuarta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Nun plano máis concreto, con nomes propios e relatorios definidos, as charlas e mesas de debate contarán coa presenza de persoeiros do ámbito Maker como Gael Langevin, creador do primeiro robot humanoide de código aberto; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design), ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom, que formará parte dunha mesa de debate sobre “a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo”, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, responsábel da creación dunha impresora 3D con capacidade para imprimir casas por menos de 1.000 euros.
No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos.
Ademais, para a xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos polos nosos makers, que presentarán cadanseus enxeños perante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida networking para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.

PUBLICIDADE