Abre as súas portas o Futurgal na ESEI de Ourense, até o 5 de decembro

venres, 1 de decembro do 2023 S. P.

O Campus de Ourense acolle estes días, até o 5 de decembro, a celebración de Futurgal Summit 2023, evento no que participan máis de 50 especialistas co obxectivo de “converterse no motor dun movemento catalizador da innovación e o emprendemento”. A actividade, que ten como lema Empredemento como panca de futuro, está organizada pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Na inauguración, celebrada este xoves 30 de novembro, participou a conselleira de Emprego, Elena Rivo, onde puxo en valor o traballo realizado dende a rede galega de polos de emprendemento, que atenderon a case un milleiro de persoas e contribuír a “xerar riqueza e fixar poboación”. A rede, dixo, acadou esta semana os 12 centros activos, trala inauguración do do Porriño, e ten asesorado no conxunto de Galicia a arredor de 900 persoas, unhas 200 delas na provincia de Ourense. Tamén engadiu que os tres polos en marcha do Carballiño, O Barco de Valdeorras e Verín (aos que se sumará outro en Baños de Molgas) teñen atendido arredor de 200 proxectos (o 58% deles de mulleres). Predominan as iniciativas do sector servizos, da hostalería, do comercio e as relativas a agricultura, gandería, silvicultura e pesca; mostra da relevancia da Rede no rural.
Volvendo a Futurgal, sinalar que se trata dun acontecemento enmarcado na estratexia Spain Up Nation e está financiado pola Unión Europea-Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, ademais de apoiada polo Ministerio de Industria e a Escuela de Organización Industrial (EOI).
Futurgal, sinalan os seus promotores, reune a especialistas “que son referentes en transformación dixital, xestión de equipos, mercadotecnia, innovación e emprendemento, que expoñen a súa visión sobre os cambios que nos agardan nun futuro próximo”.
No seu desenvolvemento abordaranse grandes cuestiones para o emprendemento como o negocio, o investimento e a escalabilidade; a importancia da retención e a atracción do talento e como lle afecta o marco regulatorio e o sector público.
Ao longo dos días de celebración, participarán en Futurgal, entre outros especialistas, o experto en innovación Enrique Dans; a escritora e divulgadora Elsa Punset; Bernardo Quintero, fundador de VirusTotal (clave na elección de Málaga para o centro de ciberseguridade de Google); a deseñadora Ágata Ruiz de la Prada; Juan Verde, asesor do presidente de EEUU Joe Biden; o ex-ministro Francisco Caamaño; Pepa Bueno, directora da Asociación de Creadores de Moda de España; o influencer Pobre Millenial; os economista María Blanco e José Carlos Díez; a directora de desenvolvemento de negocio de medios de pago de Abanca, Constanza Méndez, ou o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Haberá conferencias pero tamén mesas redondas centradas en temas como o turismo, a globalización e as novas tendencias e o empredemento no mundo da moda e en América Latina. Igualmente desenvolveranse diferentes encontros sobre instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial; o financiamento e aceleración en procesos emprendedores e experiencias persoais en investimento neste eido. Tamén haberá espazo para a presentación de proxectos por parte de emprendedores e emprendedoras a investidores e business angels.
Ao abeiro de Futurgal convocouse un Concurso de Emprendemento, Ideas e Innovación, dirixido a alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de centros educativos en Galicia, no que se convida a presentar proxectos e ideas innovadoras relacionadas co emprendemento sustentabel.

PUBLICIDADE