Abre as súas portas a edición 2019 da quedada Technium R

venres, 3 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe abriu as súas portas o encontro informático ourensán Technium R Encounter 2019, cita referencial das seareiras e seareiros arredor das novas tecnoloxías e das súas moitas posibilidades de formación e de lecer. A cita, que se desenvolve en Expourense xuntando medio milleiro de persoas (afeccionados e profesionais das TIC), foi inaugurada ás 12.00 horas polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e máis do director xeral da operadora galega R, Alfredo Ramos.
O conselleiro salientou que a quedada informática permite achegar aos máis novos “dun xeito lúdico” tecnoloxías como a realidade virtual, a robótica ou a impresión 3D, ferramentas de traballo da fábrica do futuro.
Na súa intervención, o conselleiro engadiu que esta cita, que promove o intercambio de coñecementos e que inclúe distintas actividades como obradoiros e conferencias, “é unha gran oportunidade para coñecer as últimas novidades tecnolóxicas que xa están no mercado”. Asemade, destacou positivamente os esforzos da organización (a operadora galega R) por centrar o programa “no talento e na creatividade”, contribuíndo a que a sociedade galega “vaia incorporando as novas tecnoloxías desde o punto de vista da actividade económica”.
Máis datos do encontro: novidades e fitos
A sétima edición da party destaca pola velocidade de conexión ofrecida (10 Gbps) e por fornecer á comunidade de asistentes dunha contorna aberta ao público, de acceso libre e de balde, na que poderán coñecer de preto as últimas novidades TIC.
Deste xeito, preto de 500 participantes tomarán parte nun evento sen ánimo de lucro organizado pola asociación Technium e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, de R e de Expourense. Os organizadores esperan que o novo espazo aberto ao público, denominado Extranet, tamén atraia esta fin de semana centos de visitantes, xa que poderán acceder a conferencias gratuítas e recantos interactivos adicados ás impresoras 3D, os videoxogos e a realidade virtual.

PUBLICIDADE