Abre as súas portas a aula de informática do Milladoiro, a AMTIC

mércores, 27 de abril do 2022 S. P.

Este 27 de abril abriu as súas portas en Milladoiro, logo dun profundo proceso de renovación que afectou aos seus equipos, a Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, a AMTIC, servizo dependente da Concellería de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación. A nova andaina vén cun horario máis amplo da Aula Aberta, con máis postos e cunha máis extensa oferta formativa que complementará a achegada pola aula CeMIT de Bertamiráns, tamén no concello de Ames.
O novo horario de Aula Aberta da AMTIC, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, é de luns a venres, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Conta con doce equipos, un deles cun posto accesíbel e adaptado para persoas con mobilidade reducida. Ademais, está previsto incorporar un equipo máis, para aumentar o aforo ás trece persoas. O proxecto de renovación foi impulsado pola Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación.
Á presentación da Aula AMTIC asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, a técnica responsábel da aula, Almudena Caamaño, e José Negreira, en representación da empresa Os Ventos.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, destacou a importancia de achegar as novas tecnoloxías a toda a veciñanza, tanto a través de medios materiais como de formación. “En tempos de pandemia puidemos ver oportunidades, e esta foi unha delas, a aula AMTIC. Pretendemos crear un espazo público que conte coas ferramentas necesarias para facilitar o acceso libre e universal ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Dende 2003 contamos cunha aula de informática neste lugar, na cal se realizaron numerosas actividades de alfabetización dixital cunha gran acollida. Impartiremos formación básica e especializada, sumando este proxecto á aula CeMIT de Bertamiráns. De forma simultánea poderemos gozar da mesma oferta de cursos dende os dous espazos”, explicou.
O alcalde de Ames, Blas García, engadiu que “é importante contar cun espazo coma este no Milladoiro por toda a formación que se vai a impartir e pola necesidade que hai de formación no eido das tecnoloxías. Hoxe en día, sen un coñecemento básico das tecnoloxías case non podemos desenvolver unha actividade normal”. O rexedor criticou o que considera “unha falta de entendemento coa Xunta de Galicia á hora de poñer en marcha este servizo, xa que botamos en falta máis colaboración por parte da Administración autonómica na creación deste punto. Creo que era importante, e que ese criterio que teñen de facer unha única aula por concello igual hai que darlle unha volta e ver as singularidades que teñen concellos coma o de Ames, onde temos dous núcleos importantes, un deles con mesmo máis poboación que moitos dos concellos que se benefician deste servizo”.
Programación da AMTIC para maio e xuño
A AMTIC do Milladoiro contará nos meses de maio e xuño con tres propostas en modalidade presencial e outras catro en liña, sumando un total de sete actividades para todos os públicos e con temáticas diversas. A primeira proposta presencial dende a reapertura da aula terá lugar o vindeiro xoves 5 de maio, cunha conversa sobre ciberseguridade con Nacho Álvarez, con estudos en Investigación Privada e Crimonoloxía, e con experiencia na Secretaría do Estado de Seguridade ou en Telefónica. A charla desenvolverase de 18:00 a 19:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.
As dúas actividades presenciais restantes consistirán en dous obradoiros de mecanografía para o público infantil e o adulto. Do 12 de maio ao 16 de xuño será a quenda das crianzas, que poderán participar nun curso que se desenvolverá os xoves, de 17:00 a 19:00 horas. Pola súa banda, o público adulto gozará desta proposta do 2 ao 30 de xuño, os xoves de 10:30 a 12:00 horas. Ambos talleres están limitados ás 12 prazas.
No que respecta ás propostas a distancia, a AMTIC ofrecerá dous obradoiros en cada mes, sempre con sesións a partir das 17:00 horas e dirixidos ao público adulto. En maio, do día 2 ao 4, será a quenda de aprender a realizar presentacións con LibreOffice Impress, con tres sesións o luns, o mércores e o venres, de 17:00 a 19:00 horas. Ademais, do 16 de maio ao 1 de xuño impartirase un obradoiro de GIMP, o software de edición de arquivos de imaxe, que se desenvolverá os luns e os mércores, tamén de 17:00 a 19:00 horas.
Xa en xuño, será primeiro a quenda dun taller de Inkscape, unha ferramenta de edición de gráficos vectoriais, que terá lugar do 6 ao 16 de xuño, os luns e os xoves de 17:00 a 18:00 horas. Para rematar a oferta de actividades, do 20 ao 30 de xuño explicarase como empregar diferentes recursos para realizar buscas avanzadas en Internet. O horario será o mesmo que o da outra proposta de xuño, os luns e os xoves de 17:00 a 18:00 horas.
Para inscribirse nos obradoiros da aula cómpre enviar esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, ou ben asistir á Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de Aula Aberta, de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE