Aberto un centro en Madrid que facilita o acceso ás TIC de inmigrantes e refuxiados

xoves, 3 de xuño do 2010 Raquel Noya

A Fundación Esplai, unha entidade que traballa en prol dos colectivos con máis risco de exclusión social, en colaboración con Microsoft e Merced Migraciones, vén de estrear en Madrid un novo centro Conecta de acceso ás novas tecnoloxías, que lle permitirá as persoas inmigrantes e refuxiadas achegarse cando o precisen para conectarse á Rede.
Este novo espazo, situado na rúa Campanar nº4 da capital española, ofrecerá máis oportunidades laborais e de accesibilidade a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación aos devanditos colectivos, que doutra maneira non terían a posibilidade de acceder á Rede e, entre outras actividades, buscar traballo máis comodamente por Internet.
Grazas a este centro, os usuarios e as usuarias da entidade, terán acceso ás múltiples vantaxes que ofrece a tecnoloxía, e que van dende empregar os principais programas de ofimática, como Word ou Excel ata aprender a redactar curriculums e buscar traballo a través das bolsas de emprego on line, pasando por crear un perfil laboral nas redes sociais. En definitiva, habilidades e coñecementos relacionados coa informática e Internet que lles permitirán mellorar as súas oportunidades socio-laborais nun país que non é o seu.

PUBLICIDADE