Aberto o prazo para solicitar as axudas de equipamento informático do IGAPE

luns, 10 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

O director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia (no centro), nunha presentación recente de axudas para o audiovisual

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) abriu o prazo de solicitudes para subvencións na mellora dos equipamentos tecnolóxico-dixitais das pequenas e medianas empresas galegas. O eido de actividade susceptible de recibir apoios de financiamento abrangue melloras do máis variado, todas elas relacionadas co acceso e o manexo da información, tanto no que se refire a hardware, equipos de acceso ás redes e mesmo mobiliario específico como no que atinxe ao miolo destas infraestruturas: o software. O importe de axuda para os proxectos parte dunha base de 30.000 euros pudendo chegar até os 200.000 euros.
O prazo de execución destas iniciativas remata o 30 de setembro de 2011, e o prazo de presentación faino o 31 de xaneiro deste mesmo mes. Segundo indica o Instituto galego, poderanse cubrir e obter os formularios mediante aplicación informática até as 14.00 horas da devandita xornada de remate do prazo de presentación. Entre os sectores incentivables tecnoloxicamente nesta partida de axudas do IGAPE figuran actividades empresariais do máis variado: dende a construción ás actividades artísticas, pasando polo comercio, o transporte, a hostalería, os servizos sociais ou as comunicacións. Polo que respecta á contía das axudas, cubrirán un mínimo do 15% e un máximo de axuda do 40% sobre os gastos subvencionables.

PUBLICIDADE