Aberto o prazo para que as familias do interior soliciten as axudas á TDT vía satélite

martes, 29 de abril do 2014 Redacción

O Goberno galego, mediante a Secretaría Xeral de Medios e en colaboración co Goberno central, vén de anunciar a achega de 206.340 euros no exercicio 2014 “para subvencionar a adquisición de equipamentos para a recepción da TDT a través do satélite, para familias sen cobertura que vivan nas zonas a revitalizar do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible en Galicia”. Ou sexa, para concellos emprazados sobre todo en zonas de interior e/ou montañosas de Ourense e Lugo. Segundo fai saber a Secretaría Xeral, está previsto que as axudas beneficien este ano a máis de 700 familias.
As subvencións diríxense a favorecer a presenza de servizo de TDT por satélite (tecnoloxía Sat-TDT), que posibilita de balde a recepción das canles de TDT nos domicilios onde non chega o sinal terrestre. Serán obxecto de axuda as novas instalacións do servizo de TDT a través de satélite, podéndose solicitar un máximo dun equipamento por usuario e vivenda. Segundo engade a Secretaría, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado pola súa conta un equipo para a recepción deste servizo, estas poderán solicitar subvención para un segundo receptor na súa vivenda.
Medios tamén informa que durante 2013 beneficiáronse deste plan algo máis de 300 familias e que a Xunta “prevé prorrogar este plan ata o ano 2015, o que suporá un investimento total en todo o período de algo máis de 400.000 euros e beneficiará arredor de 1.400 familias de 78 concellos do interior de Lugo e de Ourense”. En total, estamos a falar de 78 concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense susceptíbeis de seren beneficiados.
Lugo Central: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A) Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.
Montaña Lucense: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.
Depresións Ourensás e Terras do Sil: Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

PUBLICIDADE