Aberto o prazo de matrícula para o curso de Iniciación á informática de Brión

venres, 14 de setembro do 2012 Raquel Noya

O departamento de xestión das TIC do Concello de Brión (Infor Brión), por certo un dos máis activos do país no tocante á integración das TIC na Administración local e entre a veciñanza, vén de dar por inaugurado o novo curso académico 2012-2013, coa posta en marcha dos seus xa tradicionais cursos de Iniciación á informática, o primeiro módulo do bloque de formación continua que oferta tódolos anos.
Desta volta, a fin de facilitarlle a asistencia ao maior número de persoas posible, a organización ten previsto celebrar o seu curso de Iniciación á informática en horario de mañá (martes, mércores e venres de 10:30 a 12:30 horas) e de tarde (luns, mércores e venres de 20:00 a 22:00 horas).
As clases, que comezan o vindeiro día 1 e rematan o 24 de outubro, terán lugar na Aula CeMIT da localidade coruñesa, situada na Carballeira de Santa Minia.
O prezo da matrícula é de 30 euros, e o programa recolle, entre outros contidos, información básica para comezar a utilizar un ordenador con SO Windows a nivel usuario; de xeito que os alumnos e alumnas asistentes aprenderán a utilizar o escritorio, a barra de tarefas, o teclado e o rato... así como a mover unha xanela, a instalar e desinstalar aplicacións, a buscar arquivos e cartafoles, e mesmo a configurar o teclado e o rato para adaptalo a cadansúas necesidades.
As persoas máis aplicadas tamén aprenderán a personalizar o sistema operativo, a organizalo en función dos seus gustos e a protexer o seu equipo contra os maliciosos virus.
Para inscribirse é preciso chamar antes do 24 de setembro ó 981 509 908, enviar un correo electrónico a voluntariado@briondixital.org ou ben presentarse na casa da cultura de Brión sinalando a intención de asistir ao devandito curso.

PUBLICIDADE