Aberto o prazo de inscrición para participar na Galicia Maker Faire 2017

luns, 26 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Presentación da nova entrega de Galicia Maker Faire na Cidade da Cultura

O evento Galicia Maker Faire vainos poñer ás galegas e aos galegos no punto de mira da comunidade internacional argalleira, inventora e innovadora. Case nada. Trátase, para quen non o saiba, dunha cita compostelá que leva tres anos collendo cada vez máis folgos e que nesta edición, a terceira, celébrase con máis azos ca nunca na Cidade da Cultura os días 24, 25 e 26 de novembro. O obxectivo da organización é crear a feira de inventores máis importante do noroeste estatal e (por que non?) de todo o ámbito español. Máis polo miúdo, do que se trata é de xuntar baixo un mesmo teito (o Gaiás) aos argalleiros máis innovadores de Galicia e do mundo arredor de proxectos que abranguen áreas tan diversas como a gastronomía, a electrónica, a mecánica, a robótica, a música, a ciencia, a arte urbana ou a artesanía, por citar só algunhas. Segundo nos contou hoxe a organización do evento, xa foi activada a chamada a makers. Podemos encher o formulario de inscrición de proxectos a través da páxina da feira, galicia.makerfaire.com.
O prazo remata o 15 de outubro, e de tódalas propostas achegadas farase unha selección final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición de 2017. “A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis valoramos á hora de elixir os proxectos” aseguran dende a organización. “Tódalas disciplinas son benvidas”.
Presentación en maio
Como lembraremos a terceira edición de Galicia Maker Faire foi presentada o pasado 31 de maio no Gaiás, en Santiago. O acto veu acompañado da formalización dun convenio (asinado entre a Fundación Cidade da Cultura e a Concellaría de Desenvolvemento Económico de Santiago) que en boa medida renova a alianza Concello-Xunta para promover a Cidade da Cultura como “espazo de creación empresarial no ámbito das industrias creativas”.
Na formalización do acordo e na posterior rolda de prensa para presentar a Galicia Maker Faire participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e os organizadores do evento, Enrique Saavedra e Matilde Rodríguez.
Segundo fixeron saber, as Maker Faire son “as meirandes feiras de inventores do mundo, escaparates para a creatividade e o enxeño, pensados para tódolos públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc.... un lugar, en definitiva, para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais”.
A edición galega do evento, a feira compostelá presentada este 31 de maio, é en palabras dos participantes na rolda de prensa “a máis importante da Península”. E é así “tanto por número de argalleiros participantes como de público”. O evento santiagués, engadiron, “está entre os cinco con máis visitantes de Europa, logo de grandes cidades como Roma ou París”.
Na presentación tamén se lembrou que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse.
Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización. Ademais, a feira terá un día máis de actividade, o venres 24 de novembro, que se reservará para o sector profesional, “favorecendo que os expositores poidan dirixir dun xeito máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo”. A fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral.

PUBLICIDADE