Aberto o prazo de inscrición para o #INLUGO15

mércores, 22 de abril do 2015 Redacción

Como sinalamos os días pasados, o congreso #INLUGO15 xa está en marcha pechando fileiras arredor das novas tecnoloxías e as redes sociais e atraendo público de todos os recantos da nosa terra e do ámbito estatal. Agora, o desenvolvemento da xuntanza deu un novo paso coa apertura do prazo de inscrición para participarmos no congreso, unha cita que vén da man da Deputación de Lugo e que nesta edición (a terceira) contará coa participación de preto de 30 reputados expertos en comunicación dixital, é o caso dos xornalistas Ignacio Escolar (eldiario.es), David Varona (RTVE) ou David Lombao (Praza Pública). Segundo informa a organización, hai a disposición das persoas interesadas en acudir ao congreso dous centenares de prazas de balde dispoñíbeis.
O evento celebrarse no Pazo de San Marcos os días 8 e 9 de maio, e a reserva das entradas pode facerse en www.inlugo.com ou en www.deputacionlugo.gal. Estas formalizaranse por rigorosa orde de inscrición.
Nesta ocasión, engade o organismo provincial, “ata 30 destacados expertos en diferentes eidos temáticos e profesionais achegarán aos asistentes as claves de acceso a unha sociedade cada vez máis dixitalizada, coas súas vantaxes comunicativas e de cambio de modelo e os seus perigos froito da recente aparición e inmediata evolución”. Amais dos devanditos relatores, tamén se contará coa presenza de Juan Andrés Milleiro, consultor en mercadotecnia dixital e director na actualidade de Social Media de NH Group, e Víctor Tasende, deportista, aventureiro e comunicador en liña.

PUBLICIDADE