Aberto o prazo de inscrición para o seminario sobre fundamentos VoIP do CNTG

venres, 26 de outubro do 2012 Redacción

Será o vindeiro 29 de novembro -de 10:00 a 13:30 horas- o día no que se imparta un seminario sobre fundamentos VoIP organizado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar coa colaboración do grupo Academia Postal. O acto, que se levará a cabo no salón de actos do CNTG, forma parte dun ciclo de conferencias cun eixo común -o VoIP- asemade outros temas como os fundamentos da telefonía IP, a súa aplicación nunha contorna corporativa ou a seguridade VoIP desenvolveranse neste programa formativo 2012/2013.
Máis polo miúdo, os contidos deste seminario centraranse no funcionamento da tecnoloxía de telefonía IP, isto é: fundamentos, características dos codecs máis empregados, protocolos de sinalización máis habituais e conceptos básicos de configuración dunha aplicación de VoIP utilizando tecnoloxía Cisco. Amais disto, amosarase como configurar extensións, teléfonos, usuarios e a súa interconexión coa rede telefónica pública, tanto con telefonía tradicional coma con telefonía IP.
O seminario está encamiñado a todos os interesados e interesadas en coñecer as tecnoloxías propias da telefonía IP, aquel persoal técnico das áreas de informática, electrónica e telecomunicacións non especialista no eido da VoIP: analistas e administradores de sistemas, enxeñeiros/as de software, técnicos de operación e mantemento, administradores/as de bases de datos, programadores/as, etc...
Engadir que o relator da xornada será Javier Novoa, Doutor en Informática pola Universidade de A Coruña, onde é profesor do departamento TIC na área de Telemática. Alén disto, Novoa é formador do Grupo Academia Postal para o programa Cisco Networking Academy dende o ano 2000.
Por último, subliñar que para asistir ao seminario haberá que inscribirse con anterioridade en liña a través do portal web do CNTG, dicir que é de balde e condicionado ao aforo do local. Por certo, para obter un certificado de asistencia ao acto será obrigatoria a previa inscrición no mesmo.
O prazo de inscrición estará aberto dende o 26 de outubro até o 28 de novembro.

PUBLICIDADE