Aberto o prazo de inscrición para participar nas xornadas LAV 011

mércores, 1 de decembro do 2010 Raquel Noya

Por cuarto ano consecutivo, a Asociación cultural senunpeso producións, do Concello de Vedra, vai levar a cabo as súas Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual LAV 011, nas que afondará na creación e mostra de pezas audiovisuais feitas por e para as persoas do lugar que gustan do audiovisual “feito na casa”.
As xornadas, que se desenvolverán durante os días 12, 13, 18, 19 e 20 de febreiro, son “unha proposta diferente” que durante tres edicións xa espertaron a curiosidade de máis de 300 alumnos e alumnas e máis de 20 profesionais que impartiron clases da materia.
Esta cuarta edición do LAV plantéxase, segundo informan dende a organización, “como a consolidación do traballo levado a cabo nas anteriores edicións, mais tamén como unha aposta por afondar no carácter formativo das xornadas e potenciar a súa condición de escaparate de traballos audioviduais producidos en Galicia”.
As xornadas, para as que xa está aberto o prazo de inscrición, constarán de catro liñas de actividade ben diferenciadas porén que se complementan entre si, e que van dende mostras de curtametraxes ata obradoiros de formación audiovisual, pasando por relatorios nos que se pretende cubrir distintos aspectos da produción audiovisual da man de profesionais do sector.
Asemade, para non mesturar á xente que xa ten experiencia coa que se achega por primeira vez a este mundo, as xornadas distinguirán entre Iniciación e Avanzados. Este último nivel, segundo afirman, “para os que están a cabalo do profesional e o que son afeccionados cun elevado grao de coñecemento”.

PUBLICIDADE