Abertal Networks emprende un proxecto tecnolóxico que busca preservar o patrimonio fotográfico

martes, 13 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O Faiado da Memoria é un dos proxectos iniciais de Phottic

Para a recuperación do patrimonio fotográfico nace Phottic, un proxecto tecnolóxico e social que busca o equilibrio entre a Rede e o mundo real, entre a mocidade e os maiores, entre os usuarios da Internet e o analfabetos dixitais... e para conseguir tal están a desenvolver un fermoso museo de fotografías antigas que xeolocalízanse para poder velas no mapa e incluso sobre o Street View de Google (para poder comparar o antes co agora), estando boa parte do valor das imaxes nos comentarios que irá engadindo a comunidade de usuarios.
Para desenvolver o traballo offline será preciso realizar accións entre a poboación local, que captaría o coñecemento da terceira idade, á que alfabetizarían dixitalmente mozos voluntarios. Este formato de colaboración non só é enriquecedor socialmente, senón que tamén é trasladable a case calquera lugar do mundo.

A Asociación Cultural O Faiado da Memoria estrearon proxecto Phottic ao adoptar o dominio ofaiadodamemoria.org

A compañía que achega a base tecnolóxica ao proxecto é Abertal Networks, dende a que lembran que as vellas fotografías que gardamos no fogar non están en moi boas condicións, e se falamos especialmente da pouca calidade que tiña o papel a finais do século XIX aínda é máis difícil a súa supervivencia, polo que cómpre a súa dixitalización para conservar este patrimonio, o que con este proxecto buscan facer baseándose en 3 piares: fomento da dixitalización das fotografías antigas de cada espazo xeográfico, engadir valor ás imaxes mediante a xeolocalización e creando unha comunidade interxeneracional que aproveite conxuntamente o coñecemento das persoas maiores coas destrezas dixitais da mocidade.
Como exemplo deste desenvolvemento podemos visitar xa a nova web de O Faiado da Memoria, que tras 5 anos recollendo material fotográfico e audiovisual de Vilagarcía de Arousa grazas a achegas dos veciños da vila, transforma agora o seu blog nunha plataforma moito máis potente e atractiva grazas á tecnoloxía de Phottic.

O uso de Street View facilita comparar as fotografías do pasado coa súa ubicación na actualidade


Vídeo de presentación de Phottic

PUBLICIDADE