Abert@s achega os seus conxuntos de datos a un catálogo estatal

luns, 26 de maio do 2014 Redacción

Os conxuntos de datos abertos que a Xunta de Galicia publica a través do seu portal Open Data, Abert@s xa están dispoñibles a través de datos.gob.es, publicación posible grazas á federación entre o Catálogo de Datos abertos da Xunta de Galicia e o Catálogo de datos de datos.gob.es, unha iniciativa do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, xestionada por rede.es, para impulsar a publicación e reutilización da información que facilita en sector público.
Galicia é a segunda Comunidade Autónoma, despois de Castela e León, en incorporarse a datos.gob.es, aumentando así a accesibilidade e dispoñibilidade dos seus datos, ademais de favorecer a reutilización da información pública correspondente ao sector público.
Galicia achega a datos.gob.es máis de 300 conxuntos de datos, converténdose no segundo maior provedor do portal estatal. Os datos abarcan un amplo abanico de temáticas: medio ambiente, turismo, xeografía, lecer, transporte, urbanismo e vivenda, sanidade, ciencia e tecnoloxía, emprego e actividade empresarial, xerados pola propia Administración, e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros. Ademais, todos eles ofrécense en diferentes formatos abertos (CSV, HTML, ODS, WMS, SOAP, XML ou JSON, entre outros) para que poidan ser tratados con diversos tipos de ferramentas sen necesidade de ter que adquirir licenzas de uso.
A federación destes catálogos é posible grazas a que a Xunta de Galicia publica os metadatos de todos os seus conxuntos de datos en RDF e cumprindo o estipulado na Norma Técnica de Interoperabilidade de Reutilización de recursos da información. Toda esta información é recollida e actualizada de forma periódica en datos.gob.es.
Deste xeito Abert@s, do mesmo xeito que as restantes iniciativas de Open Data, proporciona materia prima para o sector de contidos dixitais e abre novas oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear aplicacións e prestacións en base a esta información.

PUBLICIDADE