Abanca lanza aplicación para aprazarmos dende o móbil o pago das nosas compras con tarxeta

mércores, 16 de novembro do 2016 Redacción

Abanca segue a centrar boa parte dos seus esforzos de comunicación e operatividade co cliente nos dispositivos. Sen ir máis lonxe, a entidade galega lanzou este mércores 16 o seu servizo Applázame, que nos permite xestionar dende a nosa banca móbil o aprazamento de cada unha das compras realizadas con cartón de crédito Visa ou MasterCard. E todo isto, sinala Abanca, ca facilidade de coa sinxeleza de podermos facelo cun “só clic” dende o noso trebello. Segundo engade a entidade, “grazas a este novo servizo os clientes poderán financiar os seus gastos de 3 a 26 meses ao instante, dende o móbil e cunha tarifa moi competitiva”.
Ademais, explica, non será preciso trámite algún nin documentación ou autorización previa por parte da entidade. Para comezar a darlle uso, o primeiro que cómpre facer é seleccionar dende a banca móbil a compra realizada co cartón de crédito que desexamos aprazar (o importe deberá ir alén dos 75 euros). Logo, hai que seleccionar o número de prazos máis acaido aos nosos intereses e confirmar o financiamento.
Un dos elementos claves da ferramenta é, en palabras de Abanca, a súa capacidade para actuar de contado. Este carácter de inmediata, ademais, insírese na estratexia xeral de experiencia de usuario que está a impulsar a entidade bancaria galega: unha estratexia para axilizar e facer máis cómoda a interrelación cliente-banco. Con esta aplicación “o cliente ten a posibilidade de financiar unicamente co móbil, sen ter que levar a man a tarxeta de coordenadas ou calquera outro elemento de identificación”, engade Abanca, salientando tamén que “cada vez que o cliente faga unha operación coa tarxeta de crédito susceptíbel de adiamento, recibirá unha notificación na súa banca móbil lembrándolle que pode financiala a través do noso servizo”.

PUBLICIDADE