Abanca estrea unha solución de pagamentos de móbil a móbil

xoves, 31 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Eduardo Aldao explicou o funcionamento de ABANCA Pay nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na Coruña

Abanca leva anos facendo unha grande aposta polo contorno móbil, e ao igual que pode presumir de ter a única aplicación de banca móbil certificada por ILUNION e de ser unha das primeiras entidades bancarias que empregará Samsung Pay no seu desembarco español, agora lanza unha aplicación que permite realizar pagamentos inmediatos de balde a calquera usuario bancario nacional e europeo, teña ou non teléfono.
ABANCA Pay permite realizar pagamentos de até 150 euros por operación, sen comisións, a calquera persoa e de calquera entidade bancaria, simplemente introducindo na aplicación o seu número de teléfono ou o seu correo electrónico, facendo “máis sinxela a vida aos nosos clientes, facilitándolles as súas transaccións diarias”, segundo explicou esta mañá en rolda de prensa o director de Innovación de Abanca, Eduardo Aldao, quen explicou pormenorizadamente o funcionamento desta nova ferramenta.

Jorge Blanco, xerente de medios de pagamento de Abanca, destaca o feito de que con ABANCA Pay non é preciso contar co número de conta bancaria do receptor dos pagamentos

Pola súa banda, o xerente de medios de pagamento de Abanca, Jorge Blanco, destacou que “non é necesario pedir o número de conta a ninguén, nin é preciso que pertenza á mesma entidade. Con esta aplicación o cliente poderá enviar e recibir cartos dos seus amigos ou compañeiros de traballo de xeito instantáneo”, cando menos se o destino é un banco asociado, mentres que para o resto de asociados a demora será a mesma que a de calquera outra transferencia bancaria.
A aplicación de ABANCA Pay está asociada á conta de banca electrónica do cliente, e para realizar un pagamento só hai que seleccionar o contacto na axenda do móbil, e indicar o importe e o concepto da operación, que farase efectiva no mesmo momento da súa autorización, non sendo preciso que o receptor teña que instalar a aplicación (xa que recibe as instrucións pertinentes para facer efectivo o pagamento recibido).
Esta plataforma de pagamentos está conectada con outros bancos a través da rede EALIA, desenvolvida por CECA, e goza con todas as garantías de seguridade.
A aplicación de ABANCA Pay pode descargarse de balde da App Store e de Google Play, tras o que o usuario poderá rexistrarse na aplicación para poder empregar a súa conta de banda electrónica para enviar pagamentos aos seus coñecidos dun xeito áxil e sinxelo, de xeito que se fai doado a realización de pagamentos entre particulares sen ter que achegarse a un caixeiro automático ou ter a cantidade exacta a pagar en efectivo.
A regulación actual tamén establece límites a este tipo de operacións, que serán de 150 euros por transferencia, 300 euros/día e 3.000 euros/ano.

ABANCA Pay incrementa o valor da banca electrónica facilitando os pagamentos entre particulares

Vídeo promocional de ABANCA Pay

PUBLICIDADE