Abalar, a debate este venres nun novo seminario-obradoiro da Nova Escola Galega

xoves, 21 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O Proxecto Abalar, a iniciativa do Goberno galego para dixitalizar as aulas dos nosos centros de ensino (a través da achega de miniportátiles con software libre, encerados dixitais e outros equipamentos e programas), será o eixe temático das actividades a celebrar esta sexta feira (venres), 22 de febreiro, no marco da cuarta edición do Seminario-Obradoiro de Avaliación de Materiais, que se vai desenvolver da man da Nova Escola Galega baixo o seguinte epígrafe: O proxecto Abalar, cara a onde? O obxectivo da organización, como se dá a entender no subtítulo do seminario, é achegar un espazo para o debate e a reflexión acerca dos materiais didácticos tradicionais e tecnolóxicos que se empregan arestora nas aulas galegas, facendo especial fincapé nos que teñen a súa procedencia en Abalar.
O proxecto de dixitalización das aulas e as súas posíbeis vantaxes e eivas centrarán tematicamente conferencias, relatorios, obradoiros e máis a mesa redonda Presente e Futuro do Proxecto Abalar, na que participan Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Ramón Luis Sánchez, asesor de Abalar na zona de Ferrol, Pablo Nimo (Ensino Primario), Pilar Buela (Ensino Secundario), Camino Pereiro (Ensino Primario) e David Rodríguez Martínez, coordinador. A actividade celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE