ATRIGA achegaralle información tributaria á Deputación de Pontevedra a través de sistemas telemáticos

luns, 3 de xuño do 2013 Redacción

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) e a Deputación de Pontevedra asinaron este luns un acordo para colaborar en materia tecnolóxica e de achega de coñecemento e información. Máis polo miúdo, e segundo fixeron saber a conselleira de Facenda e presidenta de ATRIGA (Elena Muñoz) e o presidente do dito organismo provincial (Rafael Louzán), a colaboración materializarase na cesión de información de carácter tributario, de ATRIGA cara á Deputación, a través de sistemas telemáticos. Segundo explicou Muñoz Fonteriz, o acordo permitiralle á entidade preside Rafael Louzán, obter directamente da Axencia Tributaria de Galicia toda aquela información de tipo económico que precise para a concesión de subvencións, axudas ou para efectuar todo tipo de contratación de particulares.
Así, engadiu, “o organismo provincial poderá acceder a esta documentación sen necesidade de pedirlla aos contribuíntes, o que facilitará toda a tramitación dos expedientes”. Este acordo insírese no que definiron como unha liña de actuación complementaria e desta volta compartida: a que seguen para “facilitar a realización de xestións e trámites burocráticos a todos os cidadáns”. Na súa intervención, Muñoz Fonteriz sinalou tamén que esta colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e a Deputación de Pontevedra dotará “de maior axilidade á resolución de expedientes para a concesión de subvencións ou axudas, ao tempo que garante o seu acerto dada a fiabilidade máxima dos datos obtidos por vía telemática”.

PUBLICIDADE