ASIMELEC convoca a III edición dos seus Premios de Xornalismo e Sociedade da información

luns, 29 de xuño do 2009 Raquel Noya

A Asociación Multisectorial de Empresas Españolas de Electrónica e Comunicacións, ASIMELEC, vén de convocar a terceira edición dos seus Premios Xornalismo e Sociedade da Información 2009 que teñen por obxecto recoñecer a difusión das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións a través dos medios de comunicación do noso país.
Ao igual que nas dúas últimas edicións, este ano os Premios clasifícanse en dúas categorías: tres premios honoríficos destinados a medios de comunicación en recoñecemento ao seu labor de difusión da Sociedade da Información, Medio Ambiente e I+D+i española, e tres premios dotados económicamente que se outorgarán aos traballos xornalísticos que concorran á convocatoria e se publicaran ou emitiran en prensa escrita, audiovisual ou en liña española, relacionado con algunha das temáticas que seguen: Sociedade da Información, Seguridade das TIC ou Ofimática e Xestión Documental.
Á marxe destes seis premios, ASIMELEC tamén recoñecerá este ano ao mellor blog profesional sobre o sector, premio que se incorporará ao resto a partir desta edición. Con esta acción, a patronal quere recoñecer o labor destas novas ferramentas de comunicación que medraron de xeito espectacular ao longo dos últimos anos.
Segundo afirma o director xeral de ASIMELEC, un ano máis, esta entidade quere “recoñecer o inestimable labor dos medios de comunicación como informadores e difusores, non só da realidade do sector TIC, senón tamén da propia tecnoloxía, e máis aínda este ano de crise, no que parece claro que as novas tecnoloxías van xogar un papel fundamental no novo modelo económico que precisa o noso país”.
Na pasada edición, o premio á mellor difusión sobre seguridade das TIC, foi outorgado a María Luisa Atarés, redactora de Actualidade Económica, Manuel Navarro, redactor xefe da revista Byte, recibiu o Premio Ofimática e Xestión Documental, e o Premio Sociedade da Información, foi concedido a Ramón Muñoz do diario El País.
En canto aos premios honoríficos, o premio ao mellor labor de difusión da Sociedade da Información, foi concedido aexequo á área de información de Tecnoloxía da Axencia EFE e a El Mundo. Cibersur recibiu o premio ao mellor labor de difusión sobre Medio. Por último, o Premio ao mellor labor de difusión da I+D+i española, foi concedido ao diario Cinco Días.

PUBLICIDADE