APD e o seu encontro trilateral poñen o valor a cultura do dato e a Intelixencia Artificial

venres, 12 de maio do 2023 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración con Abanca e Expense Reduction Analyst celebrou este xoves 11 de maio en Santiago o segundo Encontro Trilateral APD, entre Galicia, Asturias e Castela e León. A apertura do encontro, no que participaron preto dun cento de empresas, realizárona Francisco Botas, presidente da zona noroeste de APD, Eva Rodríguez, presidenta en Asturias de APD e Carlos Moro, presidente en Castela e León de APD. Os tres presidentes incidiron na colaboración para xerar un tecido produtivo resiliente, innovador e sustentábel, capaz de xerar riqueza e atraer talento.
Logo interviñeron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a directora de EsGlobal, Cristina Manzano, e o economista José Manuel González Páramo, que indicou que “a clave na nova contorna xeopolítica actual pasa por investir en resiliencia”. Manzano apuntaba tamén que ”estamos a asistir a unha rexionalización das áreas de comercio”.No segundo panel da mañá, dedicado ao talento, interviñeron Beatriz Escudero, directora executiva de Pharmadus, José González, presidente de Luckia e Antonio Agrasar, presidente da tecnolóxica compostelá Plexus. Os tres coincidían na importancia das persoas como transformadoras das organizacións. Escudero destacou que “hai que dedicar moitísimo tempo a estar coas persoas, a confianza e a autonomía son conceptos claves para achegar valor. E, por suposto, permitir o fracaso: todos nos equivocamos”.
Desde Plexus, Agrasar, profundou no caso da súa organización resaltando que “evolucionamos a nosa forma de tratar ao talento, no noso caso contamos con psicólogos no noso persoal, revisións anuais e flexibilidade: temos case un 90% de teletraballo. Isto crea un significado de pertenza moi complexo”.
González, de Luckia, apuntaba a importancia de manter unha relación bidireccional cos traballadores: “Hai que dialogar cos equipos e saber se lles estamos ofrecendo o proxecto no que queren estar”.
A tecnoloxía e a mobilidade foi outro dos bloques abordados xunto a Miguel Sagredo, director executivo (CEO) de Grupo Inmapa, Alejandro Díaz, presidente de Grupo Baldajos e Santiago Rey, director executivo de Televés deron o seu punto de vista, moderados por Alejandro Santos, director de Castela e León de APD. Os tres coincidiron na importancia do dato e a IA (Intelixencia Artificial), aínda que tamén apuntaban que non está definido o seu impacto real. Santiago Rey quixo facer fincapé tamén en que “a cultura da empresa é esencial para motivar a innovación dentro dos equipos, con especial atención ás necesidades do cliente e ás novidades externas”.
Pola súa banda, Miguel Sagredo, CEO de Grupo Inmapa, concluía que "a implementación do reinado do dato supuxo superar numerosos retos, por exemplo a contratación de novos perfís, novos medios técnicos, novos espazos de traballo. Tivémonos que poñer as pilas na colaboración interdepartamental da empresa, o que tamén supuxo un cambio cultural dentro da empresa”.
Alejandro Díaz, presidente de Grupo Baldajos tamén reflexionaba sobre a importancia do dato: “A xestión do dato é algo xa fundamental para o noso negocio, e focalizamos na seguridade do mesmo”.
O encontro finalizou cunha mesa sobre o reto da sustentabilidade ambiental e social. Fernando Vázquez, senior partner para España de Expense Reduction Analyst (ERA) moderou este debate xunto a Pedro Ruiz, director executivo de Alma Carraovejas, Carmen Lence, directora executivo de Grupo Leche Río, e Jesús Alonso, director executivo de Idesa.
Carmen Lence quixo incidir na importancia de ser sustentábel: “Ser sustentábel non nos vai dar máis opcións de compra, pero se non o es, vas na túa contra”. Pola súa banda, o CEO de IDESA, Jesús Alonso apuntou que “temos potencial para converternos nunha primeira potencia en eólica mariña. Nós non temos nin petróleo nin gas, e debemos dar o primeiro paso en aproveitar as enerxías renovábeis que non só van mellorar a competitivade das empresas, senón toda a sociedade”.
Pedro Ruiz, de Alma Carraovejas, destacaba a filosofía que marca a organización: “Todos os proxectos témolos en municipios do medio rural. Nós queremos que as persoas sintan que forman parte dun proxecto compartido”.

PUBLICIDADE