AMTEGA renova a súa colaboración co CPEIG, o CPETIG e a AETG

martes, 8 de maio do 2018 Redacción

Ao abeiro das actividades e estratexias da Axencia Dixital de Galicia 2020, a axencia AMTEGA vén de dar un novo pulo ás súas alianzas coas principais entidades profesionais da nosa terra ligadas ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Estamos a falar do CPEIG, o CPETIG e máis a AETG-COETG. Esta mañá (sen ir máis lonxe) a directora da axencia autonómica, Mar Pereira, formalizou senllas renovacións dos acordos cos presidentes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, Fernando Suárez; do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, Marcos Mata; e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións Julio Sánchez Agrelo. Este traballo conxunto a catro bandas, que xa vén de antigo, abrangue unha decena de liñas de actuación, a desenvolver ao longo deste ano.
Nun plano máis detallado, os acordos inclúen un orzamento público total de 135.000 euros e establecen que as tres devanditas entidades poñan en marcha novas actuacións como o Programa TechKids co CPEIG, para impulsar as vocacións STEM entre os máis novos; unha xornada de difusión sobre o 5G coa AETG ou unha campaña de sensibilización sobre a presenza das mulleres na informática co CPETIG. Estas iniciativas súmanse a outras xa consolidadas como unha nova edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, o asesoramento en materia de telecomunicacións ou xornadas formativas para profesionais.

Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática

O CPEIG porá en marcha este ano o Programa Tech Kids para fomentar o interese pola tecnoloxía entre a rapazada de 10 a 16 anos con actividades como desenvolver aplicacións para dispositivos móbiles; deseñar e crear o seu propio videoxogo ou crear contidos dixitais. Todo isto para impulsar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O programa terá unha sesión inicial en Santiago para continuar con outras 20 xornadas en distintos puntos da Comunidade. O CPEIG desenvolverá tamén media ducia de cursos de distintas temáticas orientados a especialización de profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación. As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.

Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática

O CPETIG celebrará a oitava edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, que reunirá un ano máis a reputados especialistas neste eido para abordar e debater as novidades derivadas da evolución tecnolóxica. Ademais o Colexio organizará a cuarta edición do Scratch Day, a xornada que une a pais, nais e crianzas en torno á programación e a creación de videoxogos coa ferramenta Scracth. Entre as novidades para este 2018 figura tamén o curso sobre a normativa sobre protección de datos de carácter persoal para “afondar no coñecemento da nova normativa en materia de Protección de Datos”, das actuacións que se deben levar a cabo con motivo da adecuación obrigatoria ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos da UE e a figura do DPD (Delegado/a Protección Datos).
A maiores, o CPETIG porá en marcha unha campaña sensibilización sobre a presenza das mulleres no ámbito tecnolóxico. A iniciativa, informouse na sinatura dos acordos, “dará especial visibilidade ás mulleres que foron esenciais no desenvolvemento da informática e a outras, que hoxe en día traballan no sector, buscando dende as súas experiencias romper ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, dende idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática”.

Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación

Pola súa banda, a AETG desenvolverá actuacións de formación e capacitación en materia de telecomunicacións para profesionais deste ámbito e unha xornada dirixida á cidadanía sobre a tecnoloxía 5G. De xeito complementario, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia levará a cabo un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da nosa xeografía que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.
O acordo abrangue igualmente a posta á disposición dos concellos galegos dun servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación.

PUBLICIDADE