AMTEGA pecha a Xornada de Informática Xudicial salientando o labor de Galicia en renovación da Xustiza
luns, 13 de outubro do 2014
- Marcos Mata, Mar Pereira e Víctor Salgado no peche da xornada do CPETIG
A cuarta edición da
Xornada de Informática
Xudicial do CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica
en Informática de Galicia) foi
clausurada finalmente pola directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, quen tamén tivo a
oportunidade de participar no acto de apertura e de dar conta
dalgunhas das principais cuestións que na cita profesional celebrada
en Santiago se trataron: cuestións como a necesidade de impulsar a
renovación da Xustiza botando man do dixital (garantindo en todo
intre a interoperabilidade) ou de informar á cidadanía do potencial
de uso (e de comodidade) que ten ao seu dispor coas novas ferramentas
aplicadas á eAdministración. Ao fío disto, Pereira centrouse en
amosar o que se ten feito dende Galicia en materia de eAdministración
e Xustiza. Fixo fincapé nos avances achegados polo Plan Senda para
integrar as TIC nos xulgados e na súa contorna, avances que “nos
permiten xa abordar a posta en marcha do expediente xudicial
electrónico”.
Para chegar a isto,
lembrou, despregouse dende 2009 un importante esforzo en materia de
optimización de infraestruturas, de sistemas de información, de
equipamento e de formación para os usuarios. Estes precisamente,
dixo, son os grandes eixos do Plan Senda para a integración das TIC
na Xustiza galega, cuxo desenvolvemento contou cun orzamento de 19
millóns de euros nos últimos cinco anos. Segundo lembrou, o Plan
“permite non só abordar a implantación do expediente xudicial
electrónico senón tamén a posta en marcha da sede electrónica do
ámbito xudicial”. Con todo, Pereira engadiu que fica pendente “un
longo camiño por percorrer para acadar a integración efectiva das
TIC na Xustiza e que cidadáns e profesionais poidan percibir todos
os seus beneficios.” Neste sentido, Pereira salientou que o papel
e a colaboración dos profesionais do ámbito xudicial é fundamental
para que a integración da tecnoloxía alcance a máxima
efectividade.
Outro dos temas a
tratar pola titular de AMTEGA foi o ciberacoso. Ao fío desta
cuestión, Pereira, fixo fincapé no recente estudo do Valedor do
Pobo sobre os hábitos tecnolóxicos dos alumnos de secundaria que
indicaba que o 31,4 % dos enquisados contactaron con descoñecidos a
través da Internet, que un 9% se sentiron algunha vez ameazados ou
humillados a través das redes sociais, mentres que nun 6,8% de casos
foron eles os que ameazaron a outros. Pereira dixo que “para evitar
a proliferación destes casos é preciso o compromiso de todos”. E
esta é, afirmou, “a filosofía de iniciativas que a desenvolver a
Xunta en colaboración cos colexios profesionais de enxeñeiros en
informática e enxeñeiros técnicos en informática a través de
sesións e charlas formativas como Navega con Rumbo ou o
acordo asinado este ano co Centro de Seguridade en Internet
Protégeles para realizar diferentes actuacións que fomenten
o uso seguro e responsable da internet e accións formativas para os
docentes”.