AMTEGA e o Concello de Santiago abrirán unha consulta para despregar fibra no casco histórico

luns, 22 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe celebrouse unha xornada de traballo arredor do futuro despregue de fibra óptica até o fogar (FTTH) para as zonas históricas das nosas vilas e cidades. A cita, organizada en Santiago (no Museo das Peregrinacións) pola axencia AMTEGA, contou coa presenza da titular da entidade autonómica, Mar Pereira, e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, que anunciaron a vindeira apertura dunha consulta ao mercado, logo do verán, para que os operadores presenten proxectos de subministro de fibra óptica no casco histórico compostelán, en base ao Catálogo de Solucións Técnicas aprobado hai pouco polo Goberno galego e elaborado por AMTEGA, o operador público RETEGAL e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
Segundo se avanzou no encontro, as propostas que presenten os operadores deberán detallar o modelo de fornecemento tecnolóxico e de financiamento, indicando, se fose preciso, o investimento público que requiriría a actuación.
A cita de hoxe xirou arredor do devandito catálogo, presentado na xornada como “o punto de partida para dar resposta á falta dun procedemento estandarizado no subministro de fibra óptica aos cascos históricos”. Precisamente, para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viábeis e con capacidade de ser extrapoladas a outros conxuntos históricos. Entre as solucións que ofrece o documento figuran o trazado por cornixa, o soterramento ou o despregue da fibra óptica a través das redes de saneamento.
O catálogo, que se publica hoxe, vai acompañado de medidas xurídico-administrativas para “axilizar a aprobación dos proxectos do operadores nestas zonas”, informou AMTEGA, engadindo que a Xunta “está a traballar no desenvolvemento normativo de Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia para garantir a simplificación administrativa dos trámites necesarios para aprobar os proxectos de despregue”.
Na cita deste luns tamén participou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que lembrou que o acceso a Internet é “algo imprescindíbel para un uso profesional e para relacionarse coa sociedade e que, no caso das cidades, a facilidade para dispoñer dun bo servizo de telecomunicacións é determinante para asentar poboación, xerar riquezas, crear negocios ou fomentar o comercio”.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, afirmou que “unha cidade histórica para ser competitiva e para evitar que se deshabite ten que ser capaz de ofrecer aos seus residentes unha calidade de vida e servizos semellantes aos que ofrece ao resto do municipio, entre eles a conectividade”. Porén, lembrou, existen ao respecto múltiples dificultades, sendo a principal “os custes das intervencións que afectan ás infraestruturas do casco histórico”.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, salientou que “coa publicación do catálogo e a apertura da consulta aos operadores, Galicia está a abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución”. Asemade, avanzou que “se traballará nun catálogo de solucións técnicas compatíbeis coa protección do patrimonio e o medio ambiente para a tecnoloxía 5G nos conxuntos históricos”.

PUBLICIDADE