AMTEGA e as nosas empresas TIC lanzan novas actividades divulgativas ao abeiro de DigiTalent

luns, 4 de febreiro do 2019 Redacción

Estes días pasados houbo novidades ao abeiro do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, destinado, como o seu nome indica, a espertar a impulsar as altas capacidades tecnolóxicas que toda a xente nova leva dentro. En concreto, trátase da posta en marcha de cinco novas actividades de formación e divulgación. O plan, como lembraremos, vén da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coas empresas do sector tecnolóxico.
A semana pasada a AMTEBA abriu o prazo de inscricións da segunda edición programa Tecnólogo por un día, que permitirá a nenas e nenos de 12 a 17 anos experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais.
Ademais, está en marcha GenTech, da compañía dixital Altia, con 20 sesións dixitais aos centros educativos para achegar ao alumnado de Bacharelato presentacións de profesionais TIC que lles trasladarán a súa experiencia desde unha perspectiva real, práctica e inspiradora co obxectivo de potenciar o seu xene tecnolóxico.
Por outra banda, urante este mes de febreiro a tamén empresa galega Televés iniciará a ruta Acerca-T, poñendo en circulación unha unidade móbil equipada con material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa coa que visitará catro centros educativos das catro provincias galegas. Segundo lembra AMTEGA, esta unidade tamén terá presenza nas oficinas centrais de Televés, que servirán como “emprazamento accesíbel” para toda a rapazada da área de influencia, ofrecendo un total de 100 prazas nesta edición e tamén terán oportunidade de visitar a fábrica da empresa en Santiago de Compostela.
Como lembraremos, Acerca-T é unha iniciativa orientada a alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato, en quendas con capacidade de ata 10 persoas nas que poderán participar estudantes de centros educativos distintos dentro do radio de acción da unidade móbil sempre que haxa prazas dispoñíbeis. As localizacións, datas e instrucións para participar nesta actividade poden consultarse no espazo web de DigiTalent.
A maiores das actividades devanditas, está en activo arestora a iniciativa DixiXogo, liderada pola empresa IECISA, ofrecendo a nenos e nenas de 6 a 14 anos a posibilidade de aprender e adquirir habilidades dixitais a través do xogo con diferentes obradoiros de distintos niveis de dificultade, desde os máis básicos con Lego WeDo ata os máis avanzados con MindStoms e Robobo.
Estas actividades terán lugar no centro de innovación La Molinera de Ourense e nas instalacións do Corte Inglés de Vigo, A Coruña (Marineda City) e C.C. Santiago de Compostela; ademais estes dous últimos centros contarán cun espazo Lego permanente de robótica educativa. Os 5 talleres planificados até o de agora ofrecerán un total de 75 prazas. Todos os detalles dos talleres, localizacións e instrucións para participar estarán ao noso dispor na web https://www.iecisa.com/es/DigiTalent.
Por outra banda, as empresas SIVSA Solucións Informáticas e Coremain poñen en marcha FUTURELAB+FUNCODE e O Core das TIC, respectivamente, unha serie de obradoiros a desenvolver nas instalacións destas empresas nos que se realizarán actividades prácticas experimentando os procesos de creación e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas. Os participantes da actividade de SIVSA poderán achegarse a proxectos relacionados co coche conectado ou a programación e os que se decanten por O Core das TIC coñecerán de preto iniciativas relacionadas co ámbito das telecomunicacións. Estes talleres ofrecen 60 prazas para estudantes de entre 12 e 17 anos e celebraranse desde marzo ata finais de curso. O prazo de inscrición está aberto desde o 1 de febreiro a través dos formularios dispoñíbeis nos seguintes espazos web: https://www.sivsa.com/site/digitalent/ e http://www.coremain.com/core-tic/.
Amais de todo o devandito, DXC Technology impulsa DXC Codes, unha competición internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch para nenos de 10 a 14 anos, cuxa primeira fase local será organizada pola delegación de DXC Technology en Santiago de Compostela para a rapazada de toda Galicia. Está previsto que durante este mes de febreiro se publiquen os retos de programación, que son definidos a nivel global, e se abra o prazo de inscricións para os interesados en participar no concurso.
Para quen queira máis información, o catálogo de actuacións DigiTalent está visitábel na web, en constante actualización, para ofrecer todas as novidades e os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas.

PUBLICIDADE