AMTEGA e a FEGAMP ampliarán os servizos dixitais aos concellos

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Redacción

Hoxe estase a desenvolver en Santiago unha xornada de debate e reflexión arredor da Administración Electrónica e os seus principais retos a curto, medio e longo prazo. O Seminario Modernización Dixital das Administracións Públicas en Galicia, organizado por SOCINFO coas compañías galegas SIVSA e ABANCA, foi inaugurado a primeira hora por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), entidade colaboradora do evento xunto co SERGAS, a Deputación de Lugo e os Concellos de Vigo e Santiago. Na apertura da xornada, Mar Pereira adiantou datos sobre o proxecto para ampliar o catálogo de servizos dixitais que a Administración pon á disposición dos concellos. Esta iniciativa artéllase a través dun acordo específico coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia (FEGAMP).
O obxectivo desta cooperación, sinalou a titular de AMTEGA, é “facilitar a adaptación das entidades locais á nova lei 39/2015, que esixe que o procedemento electrónico sexa o habitual e non a excepcións nas Administracións”.
Este acordo, engadiu, ampliará a colaboración que a Xunta iniciou en 2009 coa federación para impulsar a Administración Electrónica nos consistorios, facilitándolles o acceso a novos servizos dixitais da Xunta neste ámbito como as notificacións electrónicas ou o Arquivo Dixital.
Nun plano máis xenérico, Pereira destacou que a dixitalización da Administración é un “dos obxectivos da Axenda Dixital 2020” e que “Galicia ten en marcha parte das medidas que esixen as leis 30/2015 e 40/2015, que entraron en vigor o pasado mes de outubro”. Ao fío disto salientou que a cidadanía galega “xa pode solicitar as notificacións electrónicas coa Administración a través do Sistema Notific@, que, unha vez completada a súa implantación, permitirá un aforro de 2 millóns de euros fronte á notificación en papel”.

PUBLICIDADE