AMTEGA e Telefónica levarán redes ultrarrápidas a 330.000 galegos das contornas rurais

mércores, 6 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Boa parte do rural galego, todas e todos puidemos comprobalo (e moitas e moitos sufrilo), non goza das mesmas oportunidades cás contornas urbanas para tirar proveito das novas comunicacións. Debe ficar na mesma situación de desequilibrio a Galicia do rural malia que os problemas para dotala de infraestrutura axeitada son dende lonxe moito máis complexos có que teñen as vilas e as cidades, e polo tanto moito máis custos de emendar ? A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) considera que non, e por este motivo o Plan de Banda Larga da Xunta e máis do Estado contemplan que en 2020 teñan cobertura de 100 Mbps máis de 330.000 galegos de 258 concellos, arestora sen acceso a redes ultrarrápidas.
A resposta, segundo deron a coñecer este 6 de xuño AMTEGA e máis Telefónica (adxudicataria da última liña de axudas do Plan e doutras subvencións estatais), está na fibra para o fogar (FTTH) e nun ambicioso e complexo programa de traballo que levará esta tecnoloxía a núcleos de poboación onde a fibra nin estaba presente nin, por suposto, era de agardar. Núcleos boa parte deles de menos de 100 habitantes.
Segundo fixeron saber Mar pereira, directora xeral de AMTEGA, e máis Marta Menéndez, directora de Telefónica en Galicia, as actuacións poñen o foco no rural, máis concretamente nas zonas brancas de 258 concellos da nosa terra (ou sexa, sen acceso na actualidade a redes ultrarrápidas). Ao abeiro destes traballos de despregue, Telefónica cubrirá preto do 80% dos habitantes previstos con dúas medidas: o Plan de Banda Larga da Xunta e o do Goberno estatal.
No acto tamén se fixo saber que “dos máis de 330.000 habitantes beneficiados por estas medidas, un total de 74.400 viven en núcleos de menos de 300 habitantes e contarán con acceso á fibra óptica”. Isto, engadiron, será posíbel grazas a axuda de 14,2 millóns de euros que a Xunta concedeu a Telefónica no marco Plan de Banda Larga de Galicia 2020. Ademais, como adxudicatario doutras axudas estatais, a operadora facilitará o acceso a redes ultrarrápidas a outros 184.000 galegos de núcleos de maior tamaño e os habitantes restantes cubriranse coas actuacións doutros operadores que accederon as subvencións do Estado.
Menéndez, na súa intervención, salientou o feito de que Galicia se teña convertido na Comunidade con mellor taxa de cobertura móbil e, a continuación, debullou boa parte dos problemas ás que se teñen enfrontando estes e outros esforzos de infraestrutura de comunicacións: problemas de dispersión demográfica, problemas de orografía complicada e problemas de baixa densidade de poboación en boa parte dos núcleos do rural. Nas súas palabras, a importancia do plan de traballo presentado este 6 de xuño é aínda maior se temos en conta os atrancos que cómpre salvar. “Porén”, engadiu, “sen dúbida que pagará a pena, tendo en conta os impactos positivos que a fibra óptica para o fogar deixa na economía e na integración entre as persoas”. A este respecto, recordou que en países como Suecia, a tecnoloxía FTTH (Fiber To The Home) foi elixida como a tecnoloxía que meirande satisfacción e calidade de vida xeraba entre a cidadanía. “Queremos que a xente do rural teña os mesmos servizos e prestacións cá xente das cidades, e ao mesmo prezo”, mesmo a xente que vive en pequenos núcleos de poboación de menos de 100 habitantes, explicaron Menéndez e Pereira, engadindo que ao abeiro desta iniciativa abriranse 123 cabeceiras de infraestrutura FTTH e mobilizarase un persoal de arredor de 600 traballadores, amais de poñerse en marcha un teléfono gratuíto de atención aos cidadáns, en galego e en castelán, a partir deste 7 de xuño, que é o 900 507 007.
Mais de 35 millóns de euros públicos
En total os plans autonómicos e estatais supoñen un investimento público de 35,2 millóns de euros para incentivar a extensión de fibra óptica en núcleos dun total de 258 concellos galegos que non dispoñen desta tecnoloxía nin previsión de contar con ela. Ambas medias garanten que en 2020 o 74% dos galegos terán acceso a redes de máis de 30 Mbps, unha porcentaxe que se incrementará coas novas convocatorias do Estado. A última foi publicada en abril por un importe de 18,5 millóns de euros, e prevese que se resolva en outono.

PUBLICIDADE