AMTEGA e IGE optimizarán a realización de enquisas relativas á Sociedade da Información en Galicia

luns, 12 de novembro do 2012 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Instituto Galego de Estatística (IGE) asinaron un convenio de colaboración para optimizar a recollida dos datos relativos á Sociedade da Información nos fogares e nas empresas de Galicia.
O acordo establece a integración dos indicadores da Sociedade da Información na Poboación de Galicia dentro da enquisa Condicións de Vida das Familias, que elabora anualmente o IGE, que tamén se compromete a trasladar ao OSIMGA os datos do INE sobre o uso das TIC e o comercio electrónicos nas empresas galegas.
Deste xeito evítase a duplicidade de enquisas, o que suporá un aforro estimado de máis de 50.000 euros anuais, atendendo aos criterios de máxima eficiencia, eficacia e austeridade na estrutura organizativa da actividade estatística da Administración autonómica.
Esta cooperación permitirá que os datos que antes recollía o Observatorio, nos vindeiros anos procedan de enquisas que realiza o IGE no caso dos fogares e do INE no ámbito das empresas. Con este fin, as diferentes entidades implicadas traballaron neste último ano na inclusión de novas preguntas sobre tecnoloxías nos cuestionarios oficiais dos dous institutos estatísticos.
Ademais, suporá un aumento da mostra con respecto aos estudos do OSIMGA de máis de 7.000 enquisas no caso dos fogares e de máis de 300 enquisas no caso das empresas de 10 e máis traballadores. Isto permitirá unha maior desagregación dos datos segundo áreas xeográficas axustándose máis ás características propias do hábitat galego

PUBLICIDADE