AMTEGA e HPE convocan aos nosos expertos en Big Data para dar forma a tecnoloxías de eficacia comercial

luns, 14 de novembro do 2016 Redacción

Incentivar e promover colectivamente respostas dixitais que nos axuden a tirar partido comercial da gran cantidade de información que xeramos día a día, máis polo miúdo da información que xeramos como posíbeis clientes. Disto, de datos masivos para despregar os recursos xustos e ofrecérllelos a clientes reais e a demandas concretas, é do que trata a primeira edición do Hackathon Big & Anaytics HPE, unha iniciativa do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise (CEIN) en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e Situm Technologies. O encontro desenvolverase os días 25 e 26 de novembro de 2016 na sede das súas oficinas na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
Este hackathon, sinalan dende HPE, xorde do compromiso do CEIN de “potenciar e desenvolver o sector TIC galego, involucrando a un equipo de analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas en Big Data & Analytics para que compitan durante dous días no desenvolvemento de solucións dixitais a partir dos datos de localización da traxectoria de clientes nun centro comercial”. Segundo engade a multinacional, as tecnoloxías materializadas ao abeiro destas sesións terán o obxectivo común de “permitir analizar e comprender o comportamento dos clientes, facendo dispoñíbeis as conclusións da análise aos negocios situados no centro comercial para que poidan adaptar a súa oferta de produtos e servizos e explorar novas vías de atracción de clientes”.
Os integrantes dos equipos inscritos concorrerán, ademais, nunha comida networking con persoal do CEIN o sábado 26 na cantina da Cidade da Cultura e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por HPE. Ao peche do evento, cada equipo presentará a súa solución e un xurado experto avaliará e seleccionará aos gañadores nas seguintes categorías: Mellor solución global, Iniciativa máis innovadora e Mellor proposta de valor. Os gañadores serán elixidos por un xurado constituído por colaboradores do CEIN e profesionais doutros sectores achegados. O horario do encontro será de 18:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:00 a 20:00 horas o segundo. As persoas que queiran participar poden atopar toda a información que precisen na web actualizada do hackathon. hackathon-cein.com. A actividade abrolla do programa de colaboración fixado por HPE e AMTEGA ao abeiro do Pacto Dixital de Galicia, unha alianza na que se integran 13 empresas do sector, asumindo o compromiso de “colaborar coa Administración autonómica para situar á nosa terra como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das PEME”.

PUBLICIDADE