AMTEGA e FENITEL presentan as axudas para mellorar as infraestruturas de telecomunicacións en edificios

mércores, 22 de febreiro do 2023 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), en colaboración coa Federación Nacional de Instaladores e Integradores de Telecomunicaciones (FENITEL), organizaron este mércores 22 de febreiro unha xornada para presentar o Plan Renove ICT, posto en marcha pola Xunta de Galicia. A cita contou coa participación de asociacións e profesionais interesados nestas axudas (enxeñeiros, arquitectos, instaladores e administradores de fincas). O obxectivo foi divulgar as medidas do Plan Renove ICT (siglas de Infraestruturas Comúns de Telecomunicación) ás que poden optar as comunidades de propietarios, principais beneficiarios das mesmas. Galicia conta con máis de 20.000 edificios que poderían optar a estas axudas.
En concreto, a dita iniciativa busca eliminar as barreiras para a prestación de servizos avanzados no fogar e incorporar ICT adaptadas ás novas redes ultrarrápidas, especialmente nos edificios de maior antigüidade.
O plan está dirixido a edificios ou conxuntos de edificios suxeitos ao réxime de propiedade horizontal que estiveran concluídos antes do 1 de xaneiro de 2000, antes da entrada en vigor do Real Decreto 279/1999 de 22 de febreiro.
O Plan Renove ICT conta cun orzamento de 4 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
A liña de axudas sufraga ata o 70% dos investimentos e gastos necesarios para presentar os proxectos subvencionábeiss, o que inclúe a elaboración do proxecto, dirección de obra e certificación final, memorias e informes técnicos; ademais de todos os traballos vinculados á empresa instaladora. Se contemplan tres liñas de actuación, en función do equipamento a instalar, instalación completa, parcial ou adaptada exclusivamente á banda larga ultrarrápida.
Está previsto que se publique a convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas.


PUBLICIDADE