AMTEGA e AETG darán forma a unha guía técnica de servizos de fogar dixital

mércores, 5 de abril do 2017 Redacción

Impulsar o fogar dixital na nosa terra e facelo de maneira efectiva, eficaz, axeitada e ordenada. Este é un dos grandes obxectivos da guía técnica de infraestruturas do soporte do fogar dixital que van elaborar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG). Segundo informaron hoxe as dúas entidades, este recurso incluirá un proxecto tipo para a instalación destas infraestruturas nas vivendas de nova construción. É unha das actuacións recollidas no convenio de colaboración que veñen de asinar a directora da AMTEGA e o presidente da AETG, Ramón Bermúdez de Castro.
A guía, sinalaron, recollerá as implicacións e indicacións do Decreto 127/2016, do 15 de setembro, polo que se regulan as infraestruturas necesarias para posibilitar as funcionalidades do fogar dixital nas vivendas de nova construción. Este decreto garante que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.
A AETG levará a cabo unha análise e un estudo exhaustivo da norma e elaborará documentación de soporte técnico dirixida aos axentes implicados na instalación das infraestruturas que posibilitan os servizos do fogar dixital.
O acordo abrangue tamén que a AETG poña á disposición dos concellos galegos un servizo de asesoramento sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación. Este servizo está dispoñíbel a través do teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h e no enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.
Por outra banda, a entidade profesional levará a cabo tamén un estudo sobre a calidade das redes de banda larga naquelas zonas da Comunidade que, polas súas características específicas, requiran de medidas de control concretas.
A axencia que dirixe Mar Pereira achegará á Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia un total de 65.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.

PUBLICIDADE