AMTEGA e AETG convocan xornada en outubro para informar das obrigas en materia de fogar dixital

luns, 25 de setembro do 2017 Redacción

Impulsar entre promotores e concellos o coñecemento integral acerca das normas e das obrigas que lles atinxen en materia de equipamento tecnolóxico para as vivendas. Este é un dos grandes obxectivos da xornada que organizan conxuntamente, o vindeiro 17 de outubro, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG). O encontro, que servirá tamén para presentar a Guía técnica e Proxecto Tipo de Infraestruturas de Fogar Dixital (IFD), celebrarase nas instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia, en Santiago de Compostela, e poderase seguir a través de videoconferencia nas aulas CeMIT de diversas localidades de Galicia en horario de 10.00 a 12.00 h.
O obxectivo concreto da xornada, en palabras de AMTEGA e a AETG, é “informar a persoal municipal con competencias no ordenamento urbanístico así como aos instaladores e aos promotores sobre as novas obrigas normativas neste ámbito”. Ademais, presentarase o Proxecto Tipo de Infraestruturas de Fogar Dixital elaborado pola AETG para facilitar o cumprimento do Decreto aprobado pola Xunta en 2016 que establece como requisito obrigatorio para obter licenzas de nova construción proxectar e instalar as infraestruturas de soporte precisas para o acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.
Estas infraestruturas, explica a axencia que dirixe Mar Pereira, abranguen as canalizacións, rexistros e espazos de reserva que se instalan durante a fase de construción sobre as que, máis tarde, instálanse os equipamentos do fogar dixital. En palabras de AMTEGA, “a incorporación destas infraestruturas na fase de construción minimiza o incremento do custo e supón un importante aforro fronte a súa instalación coa vivenda xa rematada”.
Esta xornada nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio firmado coa AMTEGA. Ademais, trala xornada, a Oficina porá a disposición dos concellos, promotores e instaladores a documentación presentada durante a videoconferencia.

PUBLICIDADE