AMTEGA e ABANCA implantarán o pago por móbil no transporte metropolitano

luns, 19 de febreiro do 2018 Redacción

No camiño de impulsar a dixitalización do sistema público de transporte, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de asinar un acordo con ABANCA para desenvolver unha solución que posibilite o pago dende o móbil aos viaxeiros do transporte metropolitano. O proxecto insírese nas actividades do Plan de Modernización Tecnolóxica da Mobilidade en Galicia, e-Mobility, no que participa tamén a Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Segundo lembran, ilustrando a importancia de dixitalizar o sistema público de transporte, este dá servizo a uns 20 millóns de viaxeiros anuais con máis de 1.000 autobuses, 1.321 liñas e 14.140 paradas.
O acordo foi asinado pola directora de AMTEGA, Mar Pereira, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro e o director de IT, Información, Procesos e Operacións de ABANCA, José Manuel Valiño. O proxecto común abrangue compromiso da entidade financeira para fornecer á Xunta dunha solución que permita integrar a tarxeta de transporte metropolitano nos teléfonos móbiles. O seguinte paso será a pilotaxe da solución nunha das empresas que presta servizos de transporte publico metropolitano e, logo, a implantación progresiva no resto da flota que presta transporte metropolitano. Esta solución incorporarase á aplicación que está a desenvolver a Xunta para que os usuarios poidan seguir en tempo real as rutas dos autobuses e recibir a notificación das recargas dispoñíbeis.
Plan eMobility
O Plan eMobility ten como obxectivos xerais “a dixitalización integral de todos os procesos de xestión e tramitación por parte dos operadores e o desenvolvemento de novos servizos para os usuarios”. Entre as liñas de traballo previstas buscarse “acadar o seguimento en tempo real das rutas de transporte público para deseñalas e planificalas dun xeito máis eficiente e adaptadas ás necesidades dos viaxeiros”. AMTEGA lembra tamén que as actuacións do Plan posibilitarán igualmente “novos servizos para os usuarios como o transporte a demanda, rutas personalizadas ou o pago desde o móbil”. Ademais, os viaxeiros disporán dun portal do transporte, un punto centralizado onde atopar toda a información das rutas dispoñíbeis e no que xestionar as súas solicitudes de servizo.
O Plan foi aprobado en xaneiro polo Goberno galego, cun investimento previsto de máis de 6,6 millóns de euros ata o 2020.

PUBLICIDADE