AMTEGA anuncia accións TIC a desenvolver este ano no camiño de impulsar os sectores primarios

luns, 25 de marzo do 2013 Redacción

O Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) aprobou hoxe un plan de actividades para o ano en curso que abrangue sete obxectivos estratéxicos que acubillan, á súa vez, 32 programas TIC. O Plan de Acción 2013, así se fai chamar, ten un orzamento de 94 millóns de euros e aglutina os esforzos TIC de seis consellerías a través da integración destes en AMTEGA. A directora da Axencia, Mar Pereira, fixo saber que o Plan actuará en dúas direccións, afianzando os proxectos que se están a desenvolver no marco Axenda Dixital de Galicia 2014.gal e abordando, “por primeira vez”, iniciativas tecnolóxicas para mellorar a competitividade dos sectores primarios e optimizar servizos de especial importancia para a sociedade galega como os de emprego e benestar, subliñou.
Entre as actuacións dirixidas aos principais sectores produtivos e os sectores primarios está a potenciación da xestión telemática no sector agrogandeiro, coa posta en marcha de novos servizos de tramitación e consulta directa na Oficina Agraria Virtual, o impulso da tarxeta sanitaria veterinaria e de sistemas de detección e vixilancia de incendios forestais ou a creación da Plataforma de xestión de servizos para o sector da pesca e do mar. Polo que respecta ás accións para o impulso ás administracións, sinalar que farase fincapé en iniciativas que xa están en marcha como o Plan de Modernización da Administración, que ampliará os servizos dixitais que se ofrecen a cidadáns e empresas a través da sede electrónica. “O obxectivo é duplicar os procedementos que se poden tramitar de xeito electrónico e na sede pasando dos 500 aos 800 a finais de 2013”, sinala AMTEGA. Asemade, habilitaranse novos servizos de interoperabilidade dirixidos a “evitar que o cidadán presente documentación básica que obra en poder da Administración como xa ocorre co DNI, o certificado de empadroamento ou de titularidade da conta bancaria”. En 2012, engade a Axencia facendo un breve percorrido polos froitos obtidos o ano anterior a través desta filosofía eficiente de traballo, o portal de interoperabilidade implantado en todas as consellerías evitou a presentación destes documentos en máis de 150.000 trámites de cidadáns e empresas coa Administración autonómica.
A maiores, AMTEGA subliña que entre os avances cara ao cero papel desenvolverase unha plataforma de sinatura dixital que permitirá incrementar os 67.000 documentos asinados en formato electrónico en 2012 ao 100.000 durante este ano, e ademais, no marco do Plan Senda para modernizar a Xustiza, renovaranse os sistemas de gravación das salas de vistas, integrando a sinatura dixital na elaboración da acta xudicial, tal e como informamos polo miúdo nesta mesma web con motivo de outras presentacións levadas a cabo a fin de semana. Polo que atinxe á área de infraestruturas, engadir que o obxectivo é completar as actuacións do Plan de Banda Larga, acadando un 97% de galegos con cobertura a través de redes fixas e sen fíos e o 3% restante vía satélite. “Ademais”, conclúese, “grazas ao Plan 1,3 millóns de galegos terán acceso á redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps”.

PUBLICIDADE