AMTEGA activa a quinta edición do programa que permite ao alumnado galego poñerse na pel de profesionais TIC

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que volve a ofrecer a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia DigiTalent.
Nesta edición, segundo informa a axencia, retómase a presencialidade do programa e ofreceranse 66 prazas, grazas a colaboración de 6 empresas tecnolóxicas que, xunto coa axencia, posibilitarán a experiencia de acoller novos talentos: Altia, DXC Technology, Everis, Inetum, Satec e Corporación Televés.
A quinta edición, avalada polo éxito das anteriores, “brindará aos participantes unha xornada de inmersión na realidade do traballo de profesionais do sector TIC, que compartirán os seus proxectos, ferramentas e coñecemos cos participantes, resolverán inquedanzas vocacionais e darán a coñecer as capacidades que demandan as empresas do sector”, explicou AMTEGA.
A axencia engade que o prazo para que o persoal docente inscriba ao seu alumnado ficará aberto até o 3 de novembro, cumprimentando o formulario dispoñíbel no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada empresa colaboradora no programa, así coma a súa localización. Na mesma web tamén está a documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo, e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e horario da xornada que resulte conveniente para ambos.
Durante os meses de novembro e decembro, as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes, que poderán coñecer así de primeira man as dinámicas das profesións TIC, e participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.


PUBLICIDADE