AMTEGA achegará a Xustiza á cidadanía a través do novo Plan Senda 2025

mércores, 9 de febreiro do 2022 S. P.

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), puxo en marcha o IIi Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia (Senda 2025), un ambicioso programa que avanzamos os días pasados nos seus principais detalles e que está dotado con máis de 43 millóns de euros, unha contía que supera nun 68% os orzamentos dos dous plans anteriores (Senda 2014 e Senda 2020). O obxectivo é seguir dando pasos no proceso de dixitalización da Xustiza ao tempo que se converte o ámbito xudicial nun ámbito máis próximo á cidadanía e con servizos máis personalizados.
En termos xerais, o IIi Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza garantirá a comunicación telemática coa Administración de Xustiza de calquera cidadán implicado nun proceso xudicial. Na liña de continuar avanzando no proceso de dixitalización, ampliarase o sistema de autenticación (Chave365 ou Cl@ve) e a posibilidade de citas online, amais de incorporarse novos servizos na Sede Xudicial Electrónica. De cara a 2023, o obxectivo é que todas as salas de vistas galegas “sexan dixitais”. Ao seu abeiro, implementaranse nas 7 grandes cidades galegas salas específicas que garantan a privacidade das declaracións de testemuñas vulnerábeis (Salas Gesell). No que respecta aos traballadores e traballadoras, prevese a creación dunha plataforma que virtualizará os postos de traballo, garantindo o acceso do persoal á información dende calquera lugar e de forma segura.
Segundo avanzaron fontes de AMTEGA, o Plan con dez liñas de traballo impulsará a plena relación telemática dos cidadáns e dos axentes implicados coa xustiza, a consolidación dun expediente xudicial electrónico interoperábel e accesíbel, a implantación da estratexia do dato, a capacitación dixital avanzada dos profesionais da xustiza e o reforzo da ciberseguridade.
Un algo de balance
Como dixemos, o orzamento do Plan Senda 2025 é de 43 millóns de euros para cinco anos, o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en dez anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega. “Nesta década”, informa AMTEGA facendo un breve balance, “Galicia reforzou as infraestruturas tecnolóxicas no eido xudicial, implantou os sistemas de xestión procesual para xuíces, letrados, empregados públicos e fiscais, e implantou a sinatura dixital en todos os órganos xudiciais, que rexistran unha media de 20.000 rúbricas electrónicas ao día”. Ademais, engade a axencia, puxéronse en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico, “no que xuíces, letrados e fiscais poden consultar online máis de 11 millóns de procedementos e 36 millóns de documentos”. No balance AMTEGA tamén destaca o feito de que “Galicia sexa das primeiras comunidades en poñer en marcha a Sede Electrónica xudicial”, implantando unha rede de vídeo-conferencias con máis de 190 equipos que dan servizo a todos os órganos xudiciais e xa conta con 77 salas de vistas integramente dixitais.
O Plan Senda 2025, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) alíñase coas estratexias estatais e autonómica, o Plan Justicia 2030 e a Estratexia Galicia Dixital 2030 para consolidar a transformación dixital da Xustiza.
Relación Dixital coa Cidadanía
O plan busca ofrecer “unha plena relación dixital, tanto da cidadanía como dos profesionais que a representan”. Con este obxectivo contémplase unha evolución constante da Sede Xudicial Electrónica que incorporará novos servizos e ampliará os sistemas de autenticación, como o Chave365 ou Cl@ave. Habilitarase o acceso seguro dos cidadáns e os profesionais que os representan ao expediente xudicial electrónico.
Aliñada coa estratexia estatal crearase a Carpeta Xustiza. Será “un punto de acceso único a toda información de servizos, con independencia da Comunidade Autónoma”. Para facilitar o uso dos servizos dixitais porase a disposición dos cidadáns un asistente virtual. Amais, dixitalizaranse os servizos máis comúns que requiren unha entrega ao destinatario como a citación, notificación ou emprazamento. Por outra banda, está previsto incrementar as canles para a relación dixital coa Administración de Xustiza estendendo a todos os servizos o sistema de cita previa, a través de Internet ou dunha aplicación. Farase especial fincapé na dotación de medios dixitais nas oficinas de atención á cidadanía e as vítimas e tamén está previsto a dotación de sistemas de identificación biométrica para simplificar a identificación e sinatura.
Actos procesuais telemáticos
O marco legal actual e as leis de eficiencia procesual en trámite establecen a vía telemática para os actos procesuais, “sempre que sexa posíbel”, unha opción que segundo salienta AMTEGA “reduce custes económicos e medioambientais, e contribúe a axilidade e a eficiencia dos procedementos xudiciais”. Neste contexto o Plan fixa como obxectivo que o 100% das salas de vistas da planta xudicial galega sexan dixitais. Ademais, implantaranse as ditas salas Gesell nas sete grandes cidades. O plan tamén contempla a celebración de actos procesuais en remoto, habilitando a posibilidade de que cidadáns e profesionais participen a través de vídeo-conferencia, achegando documentación con plenas garantías.
Expediente Xudicial Electrónico Interoperábel
Entre as medidas do Plan Senda 2025 está avanzar na interoperabilidade do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) de forma coordinada con todo o ecosistema dixital, de xeito que o EXE poida ser compartido polas diferentes administracións forma áxil e eficiente. Contémplase a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial para a extracción da información e documentación xudicial, e a tecnoloxías de tratamento da linguaxe natural. Está prevista a posta en marcha do arquivo electrónico xudicial de Galicia para garantir a preservación do expediente xudicial electrónico e a súa conservación no tempo.
Posto Dixital Avanzado e capacitación dixital
En liña co Plan de posto avanzado 2021-2023 do posto dixital avanzado do persoal empregado público da Xunta de Galicia, Senda 2015 establece tamén a posta en marcha “dunha plataforma de virtualización dos postos de traballo para garantir o acceso a ás aplicacións e á información desde calquera lugar e de xeito seguro”.
Amais, proseguirán os programas de capacitación que acompañan os procesos de implantación de novas iniciativas. En liña co Marco galego de competencias dixitais abordaranse o proceso de capacitación e acreditación de competencias no eido xudicial. O obxectivo é “que no 2025 todos os profesionais da Administración de Xustiza en Galicia conten coa acreditación do nivel básico de competencias dixitais”, explica AMTEGA.

PUBLICIDADE