AMTEGA, Traballo e catro plataformas empresariais galegas unen forzas para impulsar a responsabilidade social TIC
mércores, 20 de novembro do 2013
A
actividade económica e produtiva débese á sociedade na que se
insire, e por extensión a tódalas sociedades. Non hai riqueza que
se extraia da nada e cada persoa que nos rodea é responsábel, en
maior ou menor medida, do medre empresarial da súa terra. Isto
sábeno ben moitas das nosas empresas TIC, un exemplo destacábel
deste beneficio mutuo e deste fluxo de ida e volta, da cidadanía á
empresa e da empresa á cidadanía. Falamos de Responsabilidade
Social Empresarial, o eixo temático do protocolo asinado en Santiago
co obxectivo de impulsar aínda máis esta responsabilidade no sector
TIC e fomentar a difusión de produtos e solucións de tecnoloxía
social. Estes son os seus obxectivos globais.
Por
certo que o protocolo foi asinado pola a conselleira de Traballo e
Benestar, Beatriz Mato, a directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e os presidentes as
entidades empresariais AGESTIC, José María López Bourio; EGANET,
Víctor López García; o Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez
del Corral e o vicepresidente de AGASOL, Javier Castaño Garcia.
Esta
colaboración inscríbese no marco de actuacións que a Xunta está a
desenvolver no eido da Responsabilidade Social Empresarial (RSE), e
para potenciar as actuacións que está a realizar o sector TIC nesta
materia, facendo
fincapé na
tecnoloxía social.
Entre
outras medidas o protocolo asinado na
Cidade da Cultura
prevé a elaboración dunha Guía
de Boas Prácticas de RSE para o sector TIC,
coa información achegada polas asociacións asinantes e que servirá
de base para a creación dunha plataforma sectorial TIC de fomento da
RSE. Asemade,
fíxose saber que
ao longo de 2014 realizaranse 7 xornadas de difusión e boas
prácticas organizadas por todas
as partes asinantes así como actividades de formación práctica
sobre como implantar e xestionar a RSE no sector TIC en colaboración
coas asociacións.
Tamén
se informou na sinatura do protocolo que o
Observatorio da Sociedade da Información e da Comunicación de
Galicia (OSIMGA),
dependente da AMTEGA,
elaborará o vindeiro ano un estudo monográfico sobre a RSE no
sector TIC, “que será resultado das respostas ás preguntas
específicas que se incluirán sobre este tema na súa enquisa anual
sobre as empresas TIC galegas”, fíxose
saber.
Por
outra banda, no transcurso da presentación deste protocolo
público-empresarial, a Consellería de Traballo e AMTEGA salientaron
que a colaboración “dá continuidade ás
actuacións que os seus departamentos están a desenvolver nesta
materia”. No caso de
AMTEGA,
Mar Pereira salientou
“o labor de mecenas dixitais que están a desenvolver as 23
empresas tecnolóxicas adheridas ao Programa de Voluntariado Dixital,
que se puxo en marcha en 2012 e cuxos
mecenas-colaboradores, este
último ano,
cooperaron
activamente co programa para achegar as TIC aos colectivos máis
afectados pola fenda dixital contribuíndo economicamente no programa
de formación, mediante a doazón de equipamento TIC e outros bens,
cedendo o uso de espazos TIC, apoiando a comunicación ou financiando
eventos específicos”.
Desde
a Consellería de Traballo e Benestar destacouse o impulso da RSE a
través das tecnoloxías como o software XUNTA-PRO-RSE, que o
departamento autonómico ten a disposición de todas as empresas
galegas para axudalas a integrar as variábeis
da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) na súa xestión. “Con
iso”, sinalou
Beatriz Mato,
“conseguiranse empresas máis sólidas, comprometidas co emprego e
coa sociedade e eficaces, mellorando o seu posicionamento e
visibilidade para competir nun mundo globalizado”.
Xornada
sobre Boas Prácticas de RSE
Tras
a sinatura do acordo celebrouse unha Xornada
sobre Boas Prácticas de RSE no sector TIC galego,
organizada pola AMEGA
en colaboración con
Traballo. Grazas a este evento, os
asistentes coñeceron de primeira man 12 iniciativas de empresas TIC
en catro ámbitos distintos da Responsabilidade Social Empresarial. A
primeira mesa de debate expuxo solución ou produtos TIC orientadas
ao eido da saúde, o benestar ou o envellecemento activo, cos casos
concretos de Imaxdi, Bahía Software e Wireless Galicia. Na mesa de
boas prácticas para mellorar o lugar de traballo, Elogia, Everis e
Igailia deron conta das medidas que desenvolveron para
conciliar a vida laboral e familiar, promover a igualdade de
oportunidades, mellorar a comunicación interna e facilitar a
formación do seu persoal. A terceira mesa abordou as boas prácticas
con impacto na comunidade da man de Iterdata, Balidea e Abertal que
expuxeron iniciativas como o voluntariado corporativo, as que
favorecen a integración social ou laboral a nivel local, doazóns en
metálico ou especies a institucións sociais...
A
cuarta e última mesa de mañá analizou casos integrais de boas
prácticas, coas empresas Ednon , R e Tecnocom, como exemplos de
entidades que integran a RSE de forma transversal en todas as
funcións de negocio.