AMTEGA, GAIN e a Deputación da Coruña achegan ideas en Bruxelas para a construción das Cidades Intelixentes

xoves, 13 de outubro do 2016 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), GAIN e a Deputación da Coruña participan estes días en Bruxelas na Semana Europea das Rexións e das Cidades, celebrada en parte na oficina de representación galega na devandita cidade, a Fundación Galicia Europa (FGE). Desenvolvéronse nesta sede dous seminarios, o primeiro sobre as oportunidades das novas tecnoloxías para un envellecemento saudábel e o outro sobre as estratexias de especialización intelixente.
Baixo o título Smart cities and communities for all: How to become smart and age-friendly , na primeira das sesións debulláronse os atrancos que impiden, hoxe en día, que as persoas maiores tiren meirande proveito das TIC para acadar maior calidade de vida. Participaron representantes de Amsterdam, Niza, Oslo e Udine en Italia, expoñendo as accións postas en marcha para procurar que os espazos urbanos se adapten ás necesidades das persoas de máis idade. En representación da nosa terra, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentou o proxecto Fogares intelixentes que, como lembrou a entidade galega, “utilizará as TIC para asistir á xente maior nos seus domicilios”, proporcionando a este colectivo (un amplo colectivo integrado pola cuarta parte da nosa sociedade) unha plataforma integral que, “mediante a análise da información da contorna dos maiores”, permita prestarlles servizos personalizados, tanto sanitarios como asistenciais. AMTEGA recordou que o Goberno galego “está a traballar na obtención de financiamento de innovación para empregar o procedemento de compra pública innovadora no seu desenvolvemento e posta en marcha”.
O segundo dos seminarios, celebrado baixo o epígrafe Smart Specialization Strategy: from planning to funding, contou coa presenza activa de representantes de Galicia e Norte de Portugal, ademais doutras 10 contornas xeográficas e concellos europeos. O eixe do debate foron as estratexias de Investigación e Innovación para unha Especialización Intelixente (RIS3 nas súas siglas en inglés) que estes territorios están a poñer en marcha como “requisito indispensábel” para a recepción de fondos europeos no actual período 2014-2020.
A Axencia Galega de Innovación (GAIN) explicou neste seminario os tres retos e as prioridades temáticas contempladas na RIS3 galega, deténdose nunha das ferramentas de apoio para axudar a empresas e centros de I+D+i a contribuír a ela: a compra pública innovadora. Con este instrumento, a Xunta estimula a implantación en Galicia de sectores de tecnoloxía avanzada. Norte de Portugal presentou, pola súa parte, a súa RIS3 transfronteriza con Galicia, a primeira deste tipo en toda a UE. As rexións italianas de Basilicata, Lazio e Veneto, a provincia croata de Istria ou a rexión sueca de Värmland foron outros dos exemplos mostrados sobre como están a executar as súas RIS3.
Deputación da Coruña
Amais de AMTEGA e GAIN, tamén está presente estes días na Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC polas súas siglas en inglés) a Deputación da Coruña. Segundo puidemos saber, unha ampla representación de técnicos locais desta provincia (encabezados polo deputado provincial de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e a responsábel de Europe Direct A Coruña, Cristina Couto) desprazouse a Bruxelas esta semana para asistir aos seminarios e debates organizados ao abeiro da devandita celebración, en primeira instancia na sede da Fundación Galicia – Europa (FGE).
Para comezar, os técnicos de Arteixo, Camariñas, Cerdido, Ponteceso e San Sadurniño recibiron unha formación sobre como desenvolver as cidades de modo intelixente, as Smart Cities, adaptándoas ás persoas maiores, da man da directora da FGE en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa. Ademais, ao abeiro da mostra Regiostars, persoal técnico de Curtis, Cabanas, Abegondo, Narón, Dumbría e San Sadurniño puido coñecer e votar os mellores proxectos europeos nos ámbitos do crecemento sustentábel, intelixente e inclusivo.
A Semana, que cumpre a súa décimo terceira edición, prosegue até hoxe, 13 de outubro, con charlas, obradoiros, debates, visitas e seminarios, centrados no crecemento económico sustentábel, a elaboración de políticas económicas inclusivas e os fondos ESI (Fondos Estruturais e de Investimento).

PUBLICIDADE