AMD crea unha certificación para ordenadores para xogar

luns, 19 de maio do 2008 Marcus Fernández

Para facilitar a vida dos afeccionados aos videoxogos para PC o fabricante AMD lanzou unha certificación que permita identificar ordenadores segundo a súa potencia para correr videoxogos, e que e coñece coma AMD Game!.
Deste xeito, AMD encargaríase das probas dos xogos, para que os usuarios poidan coñecer se funcionarán satisfactoriamente nos seus equipos certificados sen ter que arriscarse durante a compra, o que suporía unha garantía semellante á compra de xogos para consolas de videoxogos.
Os primeiros equipos en incluír o selo AMD Game! Serán de Acer, Alienware, iBuypower e Velocity Micro, e contarán coa apoio de Microsoft e Logitech, aínda que nun primeiro momento se limitarán a ordenadores de sobremesa (no futuro poderían incluír portátiles).
A certificación básica AMD Game! pretende identificar equipos capaces de funcionar a 1.280 x 1.024 píxeles a 30 fotogramas por segundo, mentres que unha certificación avanzada, AMD Game! Ultra, achegaría unhas capacidades bastante superiores, permitindo que funcione a 1.600 x 1.200 píxeles a 30 fotogramas por segundo. Estes equipos corresponderían na versión básica a, como mínimo, un procesador AMD Athlon 5600+ X2 cunha tarxeta gráfica Radeon HD 3650 e un chipset AMD 770 ou nVIDIA nForce 500; mentres que os equipos avanzados deberán contar coma mínimo cun procesador Phenom X4 9650 cunha tarxeta Radeon HD 3870 e un chipset AMD 770.
Está claro que estes últimos equipos teñen potencia dabondo para permitir o funcionamento de calquera xogo do mercado, e mesmo superarían en prestacións a moitas das consolas de videoxogos, pero tamén supoñen unha garantía para os usuarios que merquen un ordenador para xogar, pois aínda que só o 60% dos usuarios de equipos informáticos admiten que xogan con eles, o certo é que o 80% se empregan para tal fin nalgunha ocasión.

PUBLICIDADE